O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe as instalacións con motivo do Día Internacional da Síndrome de Asperger

A Xunta destaca o avance na atención a persoas con TEA que supón o novo centro de Asperga, ao que se destinaron 200.000 euros

A esta axuda engádense outros 50.000 euros para a compra dun vehículo que dá servizo ao persoal e usuarios da entidade

A Coruña, 18 de febreiro do 2026

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou hoxe o compromiso de entidades como a Asociación Galega de Asperger (Asperga) por prestar unha atención moderna, integral e centrada nas persoas. Fíxoo nunha visita ao novo centro de atención de Asperga, que entrou en funcionamento recentemente e para o que a asociación contou cunha achega da Xunta de Galicia de 200.000 euros con cargo ao 0,7% do IRPF destinados á compra e reforma do inmoble. A esta contía, engádense outros 50.000 euros para a compra dun vehículo que dá servizo ao persoal e usuarios da entidade.

A visita coincide coa celebración do Día Internacional dá Síndrome de Asperger e durante a mesma, Jacobo Rey tivo a ocasión de coñecer o funcionamento deste equipamento. Nestas instalacións acoden diariamente persoas adultas con autismo para recibir a atención e o acompañamento que necesitan para gañar en autonomía, ter unha vida independente e mellorar a súa empregabilidade.

O director xeral trasladou o compromiso da Xunta de ofrecer unha atención integral e desde a infancia ata a vida adulta no ámbito da discapacidade. Como exemplos puxo a rede de atención temperá, que permite detectar problemas de desenvolvemento en nenos ata os seis anos; un sistema educativo inclusivo, que conta con protocolos de actuación e asesoramento para o profesorado ou a cada vez maior oferta de prazas de emprego público reservadas á discapacidade, así como os programas específicos de promoción de emprego. Tamén destacou o acompañamento na vida diaria, con pictogramas e mecanismos visuais que lles permitan ter autonomía no acceso a servizos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2026