O presidente mantivo unha reunión co alcalde da cidade portuguesa, Pedro Duarte
Rueda demanda axilizar a conexión por alta velocidade con Porto e aposta por intensificar as relacións nos ámbitos cultural e turístico
Destaca a colaboración entre dous territorios con vencellos culturais e lingüísticos que manteñen unha relación estreita de moitos anos
Considera prioritaria e estratéxica a conexión ferroviaria por alta velocidade co país veciño
Invita a Porto a ser partícipe do Xacobeo 2027 a través de iniciativas transfronteirizas en materia de turismo e cultura
Porto (Portugal), 18 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, demandou hoxe axilizar a conexión por alta velocidade de Galicia coa cidade do Porto, e tamén apostou por seguir intensificando as relacións no ámbito cultural e turístico coa cidade portuguesa.
Así o sinalou esta mañá durante o seu primeiro encontro co rexedor portugués, Pedro Duarte, a quen agradeceu a súa colaboración e facilidade para encontrar puntos en común entre dous territorios con vencellos culturais e lingüísticos que manteñen unha “relación estreita de moitos anos”.
O titular do Executivo galego recordou que na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal son moitas as persoas “que cruzan diariamente e fan vida nos dous lados”. Concretamente, viven uns 6,4 millóns de persoas e hai uns 14.000 traballadores transfronteirizos, ademais dun gran número de empresas a ambos lados da fronteira.
O presidente apostou por “dar máis participación aos territorios” nas cimeiras que os gobernos de ambos Estados realizan anualmente e por mellorar a mobilidade entre ambos territorios, especialmente as comunicacións ferroviarias, como coa modernización do tren Celta, que tarda agora mesmo unhas dúas horas e media por traxecto, a mellora do material rodante ou, por riba de todo, “a necesidade de avanzar na conexión de alta velocidade", unha infraestrutura que cualificou de prioritaria e estratéxica para Galicia e o Norte de Portugal.
Neste sentido, agradeceu a “manifestación expresa” da vontade do alcalde de continuar progresando na infraestrutura en territorio portugués e afirmou que a nosa comunidade seguirá demandando “moita máis vontade política” por parte do Goberno central para que “cumpra coa súa parte”.
Xacobeo 2027
No encontro tamén abordaron temas relacionados co Xacobeo 2027, no que a Xunta xa está traballando. Rueda reflexionou que esta oportunidade histórica tamén repercutirá no país veciño, especialmente tendo en conta o gran crecemento que está rexistrando o Camiño Portugués da Costa de xeito “sostido e intenso”, que medrou en 2025 o 20% con respecto ao ano anterior.
Así, convidou á cidade do Porto a ser partícipe deste Ano Santo a través de iniciativas en materia de turismo ou cultura, que se poden materializar, por exemplo, a través do novo Clúster transfronteirizo de turismo, no que participan asociacións turísticas da cidade portuguesa.