Medio Rural favorece a promoción dos produtos agroalimentarios con selo de calidade na XVII edición de 'Santiago (é)Tapas'
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na inauguración deste certame gastronómico, que promove o coñecemento destas elaboracións entre consumidores e profesionais da hostalaría
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou esta mañá na inauguración do XVII certame gastronómico Santiago (é)Tapas, que comeza hoxe e rematará o vindeiro 8 de marzo na cidade compostelá. Na edición deste 2026 participan un total de 48 locais de hostalería e restauración, que ofrecen cadansúa tapa.
O concurso ofrece oito rutas polos diferentes locais participantes, todas elas inspiradas no camiño de Santiago, e na que os consumidores deberán marcar o seu Tapasporte e votarán o seu prato favorito. Neste sentido, haberá premios para as mellores elaboracións nas diferentes categorías. Durante a inauguración, Martín Alemparte destacou que con esta iniciativa favorécese o coñecemento entre os consumidores dos produtos galegos con selo de calidade diferenciada.
A Consellería do Medio Rural participa no certame cun galardón específico para a mellor tapa que teña como ingrediente principal un produto con Denominación de Orixe, Indicación Xeográfica Protexida, certificación ecolóxica ou o selo Artesanía Alimentaria. Ao mesmo tempo, a Consellería fai entrega de lotes de produtos de calidade aos establecementos participantes, co fin de fomentar o seu uso en hostalería. Cabe sinalar que tanto estes lotes como os premios poderán recollerse no posto que a Consellería do Medio Rural ten na Praza de Abastos.
MercaDO BO
Este stand no mercado trátase dunha nova acción de promoción de produtos de calidade impulsada pola Xunta baixo a denominación de MercaDO BO, posta en marcha en outubro no ano pasado. É unha experiencia piloto de promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada neste tipo de mercados. Os obxectivos que se perseguen son os de promover o coñecemento e consumo dos produtos galegos de calidade diferenciada, apoiar os produtores locais e converter as prazas de abastos nun espazo vivo de promoción da identidade alimentaria de Galicia, tanto de maneira presencial como a través das canles dixitais de comercialización. Cada semana, un produtor ou produtora diferente atenderá o local, ofrecendo aos visitantes a oportunidade de coñecer, degustar e adquirir produtos certificados que representan a excelencia da nosa terra.