A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, detallou hoxe esta actuación que facilitará a mobilidade sostible nesta contorna
A Xunta inicia o trámite de información pública do proxecto da senda peonil e ciclista de máis de 2 km entre Viro e Outes, que suporá un investimento de 1,4 M€
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o comezo deste procedemento e desde mañá ata o 7 de abril poderán presentarse suxestións
Allegue avanzou que se prevé aprobar o proxecto no 1º semestre deste ano e licitar as obras despois do verán para que a senda estea rematada a finais do vindeiro ano
Trátase dun itinerario peonil e ciclista na estrada AC-550, que unirá o núcleo de Viro e o centro urbano da Serra de Outes e conectará coas beirarrúas nos extremos
O obxectivo é facilitar desprazamentos cómodos e seguros, camiñando ou en bicicleta, para a veciñanza, especialmente do Viro, e para os visitantes
Esta obra forma parte da 2ª fase do Plan de Sendas da Xunta, que permitirá desenvolver 120 km itinerarios seguros e sostibles nas marxes das estradas autonómicas, que se sumarán aos 300 km xa executados nos últimos anos
Outes (A Coruña), 19 de febreiro de 2026
A Xunta inicia o trámite de información pública do proxecto da nova senda peonil e ciclista, de máis de 2km, entre o núcleo de Viro e Outes, que suporá un investimento de 1,4M€. Así o detallou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que se achegou a este municipio.
Allegue, xunto coa directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o sometemento a información pública deste proxecto e desde mañá ata o 7 de abril poderán presentarse suxestións.
Apuntou que a Xunta prevé aprobar o proxecto no primeiro semestre deste ano e licitar despois do verán as obras, que van ter un prazo de 12 meses, polo que o obxectivo é que a senda estea rematada a finais do vindeiro ano.
Sinalou que se trata dun novo itinerario peonil e ciclista de 2,3 quilómetros na estrada AC-550, que será cofinanciado con Fondos FEDER.
Indicou que o itinerario unirá o núcleo rural de Viro e o centro urbano da Serra de Outes, e conectará coas beirarrúas existentes nos extremos. De xeito máis concreto, a senda acometerase no treito desta vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 62+120 a 64+410.
Destacou que con esta actuación se dá resposta a unha demanda da veciñanza desta área, xa que esta estrada conta cunha elevada intensidade de tráfico, 4.000 vehículos diarios.
Remarcou que o obxectivo da intervención é facilitar desprazamentos cómodos e seguros, camiñando ou en bicicleta, para a veciñanza, especialmente do Viro, e para os visitantes.
Cómpre lembrar que esta obra que se enmarca na 2ª fase do Plan de Sendas da Xunta, que permitirá desenvolver 120 km itinerarios seguros e sostibles nas marxes das estradas autonómicas. Estas sendas sumaranse á rede de máis de 300 km xa executados polo Goberno galego nos últimos anos.