A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe a escola infantil pública autonómica de Rois
A Xunta subliña o cambio demográfico positivo que rexistra Galicia, que aumenta os nacementos e a poboación
Fabiola García destaca que a natalidade medra por primeira vez desde 2008 e faino por riba da media nacional ao peche do 2025, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE)
A conselleira valora o impacto das medidas de apoio ás familias postas en marcha pola Xunta, como a gratuidade das escolas infantís, as casas niño, o Bono Concilia ou a Tarxeta Benvida
Rois (A Coruña), 19 de febreiro do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe a escola infantil pública autonómica de Rois acompañada do alcalde, Ramón Tojo. Durante a visita, Fabiola García puxo en valor os últimos datos demográficos do Instituto Nacional de Estatística (INE) correspondentes ao ano 2025, que revelan un cambio de tendencia na natalidade en Galicia.
A conselleira destacou que os nacementos medran por primeira vez en 17 anos e fano por riba da media estatal, xa que en Galicia suben un 1,66% fronte ao 0,99% nacional. Tamén subliñou o feito de que a comunidade galega gañe poboación de maneira sostida nas catro provincias. No 2025, Galicia aumentou en 13.600 o seu número de habitantes, para situarse por riba dos 2,7 millóns, a cifra máis alta desde o ano 2015.
Fabiola García manifestou que estes datos constatan que Galicia está conseguindo reverter as proxeccións demográficas de hai unha década, con case 130.000 habitantes máis dos previstos. Isto demostra, segundo destacou, que as medidas de apoio ás familias postas en marcha pola Xunta están a dar resultado, tales como: a gratuidade das escolas infantís, as casas niño no rural, o Bono Concilia ou a Tarxeta Benvida.
A titular autonómica de Política Social e Igualdade asegurou que a Xunta “seguirá traballando para consolidar a Galicia calidade que todos queremos, facendo cada vez máis da nosa comunidade unha terra de oportunidades e o mellor lugar para formar unha familia”.
Melloras no patio da escola infantil
Por outra parte, a conselleira aproveitou a visita á escola infantil para comprobar os resultados dos traballos de mellora realizados no patio deste centro, ao que acoden diariamente unha trintena de nenos de 0 a 3 anos. A Administración autonómica financiou con 15.000 euros as obras de renovación desta área de lecer, que executou o concello durante o pasado mes de agosto.
Fabiola García enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas como a gratuidade. Ao respecto, destacou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil cun 65%, 15 puntos por riba da media nacional.