O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, visitaron o centro de saúde da Lama
A Xunta colaborará co Concello da Lama na renovación da cuberta do centro de saúde mediante un investimento conxunto de 300.000 euros
Para proceder a esta reforma, o conselleiro sinala que, de xeito inmediato, se tramitará o convenio de colaboración para o financiamento ao 50 % das obras necesarias na cuberta
Destaca a implicación do Concello á hora de mellorar as condicións da prestación sanitaria para os máis de 1.900 veciñas e veciños aos que presta asistencia este centro de saúde de titularidade municipal
Subliña que, desde 2009, a Xunta construíu 52 novos centros de saúde, cun investimento de máis de 140 millóns de euros
O Executivo galego tamén destinou máis de 19 millóns aos centros que precisaban intervencións e financiou a reforma de 59 centros de titularidade municipal, cun importe de máis de 2 millóns de euros
A Lama (Pontevedra), 19 de febreiro de 2026
A Xunta colaborará co Concello da Lama na renovación da cuberta do centro de saúde mediante un investimento conxunto de 300.000 euros, de acordo co procedemento establecido para os centros de saúde de titularidade municipal.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, visitou esta mañá o centro de saúde da Lama.
O titular da carteira sanitaria incidiu en que o seu departamento comparte co Concello da Lama o interese por que os profesionais sanitarios que traballan neste centro, así como os pacientes que reciben atención, o fagan nas mellores condicións posibles.
Para proceder a esta reforma, o conselleiro dixo que, de xeito inmediato, se vai tramitar o convenio de colaboración para o financiamento ao 50 % das obras necesarias na cuberta, actuación que se considera a máis urxente, sen prexuízo de actuacións futuras de maior envergadura. Esta mellora da cuberta redundará, ademais, na eficiencia enerxética do edificio.
O conselleiro tamén se referiu á implicación do Concello da Lama á hora de mellorar as condicións da prestación sanitaria para os máis de 1.900 veciñas e veciños aos que presta asistencia este centro de saúde.
Fortalecemento da atención primaria
O conselleiro incidiu no compromiso da Xunta por fortalecer a atención primaria como eixe vertebrador da asistencia sanitaria. A tal fin, o Goberno galego está a actuar na ordenación dos recursos humanos, na optimización dos tempos e número de consultas e, ademais, no acondicionamento das infraestruturas.
Ao respecto, Gómez Caamaño destacou que, desde 2009, a Xunta construíu 52 novos centros de saúde, cun investimento de máis de 140 millóns de euros.
Xunto ao anterior, o Executivo galego destinou máis de 19 millóns de euros nos centros que precisaba intervencións e financiou a reforma de 59 centros de titularidade municipal, cun importe de máis de 2 millóns de euros.
En total, a Xunta destinou preto de 162 millóns de euros a construír ou reformar 138 centros de saúde en todo o territorio.