A Xunta pon en marcha o ciclo ‘Galicia Calidade. Diálogos en Bruxelas’ co obxectivo de promover a visibilidade da comunidade galega na UE
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participará esta tarde na inauguración do primeiro dos encontros protagonizado polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras
Diego Calvo destaca que esta iniciativa permitirá dar a coñecer a experiencia de referentes en distintos ámbitos que “levan o selo galego polo mundo” e, ao mesmo tempo, reforzar a proxección internacional da marca Galicia Calidade
Bruxelas, 19 de febreiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral técnico da Consellería, Javier Abad, e do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participará esta tarde na inauguración do ciclo de eventos Galicia Calidade. Diálogos en Bruxelas, organizado pola Xunta a través da Fundación Galicia Europa co obxectivo de reforzar a visibilidade da comunidade galega na Unión Europea. Trátase dunha serie de encontros e diálogos con referentes de distintos ámbitos -empresarial, sociocultural, político...- de orixe ou con vínculos con Galicia que abordarán asuntos estratéxicos como a innovación, a competitividade económica ou, entre outros, os retos sociais.
Para o primeiro dos encontros, que estará protagonizado polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, están previstos máis dun cento de asistentes, entre eles galegos que traballan en institucións e entidades europeas.
O ciclo Galicia Calidade. Diálogos en Bruxelas inclúe entre os seus obxectivos fomentar o diálogo sobre o papel das empresas galegas no ámbito europeo e internacional, abordar retos claves no contexto da UE como os cambios regulamentarios, a sustentabilidade ou a promoción da tracción económica de Galicia a través de exemplos de éxito.
Tal e como avanzou Diego Calvo, a iniciativa pretende unir o coñecemento, a experiencia e, en definitiva, o talento de referentes en diversos ámbitos que “levan o selo galego polo mundo” e comparten valores como “o esforzo, o traballo ou a excelencia”. De aí a razón deste espazo de diálogo, para fortalecer o contacto entre a comunidade galega en Bruxelas con institucións europeas e españolas, e poñer en valor esa Galicia Calidade que “construímos entre todos, da que nos sentimos profundamente orgullosos e que debemos seguir coidando e potenciando”.