A Xunta impulsa na Coruña o diálogo entre arte, artesanía e deseño
A Fundación Artesanía de Galicia colabora co proxecto Orixes promovido polos ceramistas Pablo Rodríguez, do obradoiro Risco Estudio, e Verónica Moar, que comeza mañá sábado cunha charla do artista e deseñador Christian García Bello
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026
A Fundación Artesanía de Galicia, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, colabora co programa de conferencias Orixes, impulsado polos ceramistas Pablo Rodríguez, do obradoiro Risco Estudio, e Verónica Moar, e co que se busca xerar na cidade da Coruña un espazo de diálogo entre arte, artesanía e deseño. A programación deste ano 2026 comezará mañá cunha conferencia do artista plástico e deseñador Christian García Bello, que terá lugar en Risco Estudio, a partir das 12,00 horas. A asistencia é gratuíta, pero debido ao límite de aforo é preciso realizar unha inscrición previa a través do perfil de instagram @orixes_encontros
O proxecto iniciouse no ano 2023 con encontros con figuras de diferentes perfís vinculadas á arte, á artesanía e ao deseño, que presentan nun espazo íntimo -cun aforo reducido a 35 persoas- a súa traxectoria tanto profesional como persoal. O obxectivo é achegar unha visión enriquecedora desde diferentes perspectivas, abrir debate cultural, divulgar a traxectoria destes profesionais e motivar a novos creadores.
Christian García Bello
Christian García Bello é un artista e deseñador galego, residente en Barcelona, que traballa na intersección entre arte, deseño e pensamento. O seu traballo foi presentado en institucións como La Casa Encendida, CaixaForum, a Fundación DIDAC ou o Museo Patio Herreriano, así como en feiras internacionais como ARCOmadrid e ARTBO.
O obradoiro Risco Estudio ao que está vinculado abriu na Coruña no ano 2022 e o seu titular é Pablo Rodríguez, relacionado coa olería de Buño. Este espazo, transcende o concepto tradicional de taller de olería para ser tamén un lugar de formación e de reflexión sobre a relación entre arte, artesanía e deseño. No ano 2024, recibiu o Premio Especial da Fundación Unicaja pola obra O ser dela.
Verónica Moar
A ceramista Verónica Moar tamén forma parte de Artesanía de Galicia e participa no proxecto Artesanía no Prato. A súa práctica artística caracterízase por expandir as posibilidades tradicionais da cerámica a eidos como a escultura, a performance e a danza contemporánea. De feito, colaborou con poetas como Antía Otero, dramaturgas como Gena Baamonde e coreógrafas como Rut Balbís, así como con cociñeiros e restaurantes como Loxe Mareiro (Carril), Culler de Pau (O Grove) ou A Maceta (Santiago de Compostela).
No 2025 recibiu o premio de cerámica de Jingdezhen (China), pola obra Lo que queda e tamén gañou o Premio Antón Fraguas 2022, na modalidade artesanía contemporánea, pola obra Lo que contiene, foi finalista do Premio Artesanía de Galicia 2022 por In itinere e gañadora da Bolsa Eloy Gesto 2014, nos Premios Artesanía de Galicia, que lle permitiu continuar a súa formación no Xapón.