A Xunta impartirá este ano a través da Academia Galega de Seguridade Pública máis de medio milleiro de cursos dirixidos a case 18.000 efectivos das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villlanueva, presidiu o Consello Reitor da Agasp, no que tamén se avaliou o plan formativo levado a cabo o ano pasado

A Academia seguirá a actualizar os coñecementos do persoal da Policía Local, da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia, Policía Nacional e da Garda Civil xunto cos dos efectivos dos servizos como Protección Civil, Grupos de Emerxencias Supramunicipais, servizos de extinción de incendios e socorristas

A Estrada (Pontevedra), 20 de febreiro de 2026

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe o Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) no que se aprobaron tanto os plans de formación continua destinado a membros dos corpos e forzas de seguridade que traballan en Galicia como ao persoal dos servizos de emerxencias. Así, para este ano prevense máis de 530 cursos que suman case 21.000 horas e con máis de 17.800 prazas.

En concreto, no eido da seguridade o plan de formación continua da Agasp para este exercicio inclúe 310 actividades formativas de case 14.000 horas con máis de 9.700 prazas reservadas para axentes da Policía Local, da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), da Policía Nacional e da Garda Civil, así como das organizacións sindicais policiais, entre outros. Canto aos contidos, destaca por exemplo, a incorporación como novidade dun bloque específico sobre intelixencia artificial nas actividades programadas para varios corpos, ademais de reforzar a formación relacionada co uso dos drons converténdose a Agasp nun referente galego na preparación policial con esta tecnoloxía.

O plan de formación continua da Agasp no ámbito da seguridade pública conta tamén con actividades para abordar a violencia de xénero desde un enfoque integral, a saúde mental ou a diversidade e a inclusión a través de accións destinadas a realizar intervencións con menores, persoas maiores, persoas con trastorno do espectro autista, persoas migrantes, persoas con diversidade funcional ou persoas sen fogar. A programación inclúe ademais cursos de competencias dixitais, formación en liderado e mando, en primeiros auxilios tácticos e a actualización normativa sobre mobilidade eléctrica lixeira.

Deste xeito, dáse continuidade ao plan de formación do ano pasado, que contou con 252 accións neste ámbito e máis de 6.500 diplomados. Santiago Villanueva destacou que debido á elevada demanda este ano incrementouse aínda máis á oferta apostando, entre outros contidos, pola modernización tecnolóxica e o compromiso pola formación en violencia de xénero. Puxo en valor os 74 cursos levados a cabo o ano pasado de maneira conxunta para varias forzas e corpos de seguridade, o que considera un aspecto positivo para “fortalecer a cooperación real”.

Máis de 8.000 prazas para formación en emerxencias

Por outra parte, o persoal dos servizos de emerxencias disporá este ano de máis de 8.000  prazas para realizar máis de 7.000 horas lectivas nas 224 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como servizos de emerxencias municipais, axentes medioambientais e forestais e persoal de socorrismo. Ao igual que no eido da seguridade pública, neste caso tamén se incrementa a oferta respecto ao ano pasado, que se saldou con 163 cursos e 5.000 horas impartidas a case 6.000 persoas.

No plan para 2026 destaca o volume de actividades enfocadas ao ámbito forestal con formación vinculada a operacións aéreas, queimas prescritas, investigación de incendios ou seguridade en extinción. Do mesmo xeito, apóstase pola inclusión de contidos aliñados con novos riscos e tecnoloxías como, por exemplo, o uso de vehículos eléctricos e híbridos ou o uso operativo de drons. No que se refire á formación en socorrismo, ademais da formación inicial realízanse reciclaxes periódicas e refórzase a especialización en contornas naturais e acuáticas, con especial incidencia en abordar a seguridade en zonas costeiras, fluviais e recreativas.

Tanto no eido da seguridade pública como no de emerxencias, destaca a aposta pola  combinación da formación presencial, semipresencial e en liña co obxectivo de chegar a máis persoas interesadas na formación e facilitarlles así a participación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2026