O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, acompañado pola delegada territorial, abre en Vigo a xornada de formación sobre benestar emocional

A Xunta contribúe á formación de 7.000 familias a través do novo Plan de benestar dixital

Román Rodríguez salienta a importancia da “alianza coas familias” para promover un uso responsable e a convivencia saudable cos dispositivos dixitais na mocidade

O encontro formativo de Vigo, que acadou cheo no auditorio do Conservatorio, céntrase no benestar na adolescencia coa intervención de recoñecidos especialistas

Vigo, 21 de febreiro de 2026

A Xunta contribúe á formación de preto de 7.000 familias a través do novo Plan de benestar dixital posto en marcha pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que fai fincapé na colaboración entre estas e a escola para un uso seguro, responsable e comprometido das novas tecnoloxías.

No marco desta aposta, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, inaugurou hoxe na cidade olívica a xornada de formación dirixida ás familias en materia de benestar emocional na adolescencia que acadou cheo total das 300 prazas de aforo do auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo. A isto engádense outras 300 persoas participantes na xornada que tivo lugar en Santiago a finais de ano e as 6.300 persoas inscritas a través das anpas nos 250 obradoiros ofertados no programa Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade, impulsado pola Xunta e que tamén encheu os 250 obradoiros ofertados, cunhas 6.300 persoas inscritas.

Con motivo da asistencia ao encontro de hoxe en Vigo, o conselleiro Román Rodríguez salientou a importancia desta “alianza” para promover o uso responsable e a convivencia saudable cos dispositivos dixitais co fin de garantir o benestar emocional na infancia e na adolescencia “desde todos os ámbitos, sexa familiar, escolar ou social”. Neste senso, é preciso que tanto os centros como as familias e os propios alumnos dispoñan das ferramentas axeitadas e “a formación -recalcou- é un aspecto vital” que a Xunta está impulsando este curso por distintas cidades partindo da boa acollida da experiencia piloto das charlas e talleres para familias iniciados a finais do pasado ano.

Estes encontros, coma o que se desenvolve hoxe na cidade olívica baixo o título A familia como base do crecemento persoal e emocional, abórdanse aspectos como o establecemento de límites para os rapaces ou o uso responsable das novas tecnoloxía. A través de charlas e obradoiros nos que interveñen especialistas neste eido, proporciónanse estratexias de actuación e resólvense dúbidas ao respecto.

A xornada conta coa participación de tres expertos na materia como Alexandre García Caballero, doutor en Psiquiatría e especialista no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que abre a formación co relatorio Axudando a crecer cando cambian os marcos ás 10,30 horas. O segundo relator é Fernando Suárez, presidente do Colexio profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, cunha charla sobre as Claves para ensinar a nenas e nenos a usar a tecnoloxía de maneira segura. Finalmente, o doutor en Psicoloxía Social e profesor titular do departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC Antonio Rial Boubeta pecha o encontro cunha charla baixo o título Impacto da tecnoloxía na infancia e na adolescencia: entre a banalización e o alarmismo.

Plan integral de benestar dixital

A actividade forma parte do Plan integral de benestar dixital da Xunta, que contempla un paquete de medio cento de medidas dirixidas ao conxunto dos actores da comunidade educativa, entre eles as familias, como é o caso destas charlas formativas.

O plan, que leva aparellado un orzamento de 7,4 M€ para o seu despregue nun período de cinco anos ata 2030, abrangue seis dimensións de impacto tecnolóxico que son as conductas de risco e ciberseguridade, os hábitos de vida saudables, a garantía dos dereitos e dos valores democráticos, a convivencia escolar e familiar, a aprendizaxe e desenvolvemento cognitivo e a socialización e o desenvolvemento persoal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2026