A delegada de Xunta visitou hoxe o parque empresarial de Coirós beneficiario o ano pasado destas achegas o que lle permitiu habilitar unha zona de aparcamento

Belén do Campo anima aos concellos a solicitar as axudas de 3,1 M€ para modernizar os parques empresariais e reforzar a súa competitividade

A delegada da Xunta lembrou que as axudas, que están abertas ata o 3 de marzo, financian ata o 80 % do investimento subvencionable, cun límite máximo de 120.000 euros nas solicitudes individuais e de 138.000 euros nas conxuntas

A representante do Goberno autonómico destacou que “este tipo de investimentos permiten consolidar o tecido produtivo local e avanzar cara a parques empresariais máis modernos, eficientes e sostibles”

Coirós (A Coruña), 20 de febreiro de 2026

A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde, Francisco Quintela e polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou hoxe o parque empresarial de Coirós para animar aos concellos a solicitar as axudas por importe de 3,1 millóns de euros destinadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais da comunidade. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 3 de marzo.

Durante a visita, a representante autonómica supervisou a actuación executada o pasado ano ao abeiro desta orde de axudas, grazas á cal o Concello de Coirós recibiu preto de 51.000 euros para mellorar os servizos e infraestruturas do seu parque empresarial.

O recinto conta cunha superficie total de 456.935 metros cadrados, alberga 25 empresas en funcionamento e dispón dunha rede de viarios e zonas de aparcamento cunha lonxitude de 1.755 metros, configurándose como un enclave estratéxico para a actividade económica da comarca.

Melloras executadas

As actuacións desenvolvidas permitiron habilitar e poñer en servizo unha parcela de 855 metros cadrados destinada a aparcamento, que ata o momento presentaba firme de zahorra e terra. Procedeuse á súa pavimentación mediante rego asfáltico e acabado en aglomerado en quente.

Así mesmo, construíuse un murete de mampostería de granito para o sostemento e drenaxe do noiro perimetral e completouse a intervención coa correspondente sinalización horizontal e vertical.

Belén do Campo destacou que “este tipo de investimentos permiten consolidar o tecido produtivo local e avanzar cara a parques empresariais máis modernos, eficientes e sostibles”, incidindo na importancia de continuar apostando pola súa modernización para ofrecer ás empresas espazos funcionais e adaptados ás necesidades actuais.

Impacto na provincia

O parque empresarial de Coirós foi un dos 72 beneficiarios desta liña en toda Galicia. Deles, 27 pertencen á provincia da Coruña, que recibiu preto de 2,4 millóns de euros. Na comarca de Betanzos resultaron beneficiados os parques empresariais de Coirós, Bergondo e Curtis, cun investimento conxunto próximo aos 291.000 euros.

A representante do Goberno autonómico lembrou que as axudas financian ata o 80 % do investimento subvencionable, cun límite máximo de 120.000 euros nas solicitudes individuais e de 138.000 euros nas conxuntas. Como novidade nesta convocatoria, os fondos poderán destinarse tamén á mellora de infraestruturas e espazos públicos para favorecer a integración paisaxística dos parques no seu contorno.

Entre as actuacións subvencionables inclúense melloras na iluminación pública, nas plantas de depuración de augas e colectores conectados á depuradora municipal, intervencións na xestión de residuos, obras nas infraestruturas viarias e nos servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno.

Máis solo industrial en tramitación

Belén do Campo subliñou o esforzo que está a realizar para poñer á disposición das empresas máis solo industrial en zonas con alta demanda, ao tempo que considera fundamental apoiar economicamente aos concellos que xa dispoñen de parques empresariais en funcionamento e que precisan acometer actuacións de mellora.

Na actualidade, o Goberno galego tramita máis de 8 millóns de metros cadrados de solo industrial en Galicia, dos que arredor de 2 millóns se localizan na provincia da Coruña. Entre as actuacións previstas destacan as ampliacións dos polígonos de Bértoa, en Carballo, e da Sionlla, en Santiago de Compostela, así como a urbanización das últimas fases do parque empresarial de Morás, en Arteixo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2026