Arias anima ás asociacións de comerciantes a solicitar os apoios da Xunta para dinamizar o sector

O delegado territorial informou en Sarria sobre a nova convocatoria destas axudas, orientadas a financiar campañas de fomento das vendas, accións de fidelización da clientela e actividades formativas para os asociados

O ano pasado este programa achegou un total de 350.000 euros a sete entidades da provincia de Lugo para impulsar o comercio local

Sarria (Lugo), 25 de febreiro de 2026

 A Xunta convocou as axudas anuais ás asociacións de comerciantes para dinamizar o comercio local, dotadas cun orzamento de 2,5 millóns de euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, reuníronse hoxe con representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria, que en 2025 recibiu unha achega de 20.500 euros no marco desta convocatoria. Tamén se desprazaron á Mercería Sarillo, un dos establecementos asociados. 

Arias animou ás entidades da provincia a solicitar deica o 12 de marzo estes apoios, destinados a financiar campañas promocionais – mínimo seis ao ano - para animar aos consumidores a mercar nas tendas locais-; accións de fidelización da clientela ou actividades formativas, tales como congresos, talleres, networking ou outro tipo de xornadas orientadas a mellorar a cualificación profesional dos socios.

Na anterior convocatoria, a Xunta concedeu un total de 350.000 euros en axudas a sete agrupacións lucenses do sector para dinamizar a actividade comercial nas súas respectivas áreas. Ademais da agrupación sarriá, resultaron beneficiarias ACISA Ribadeo,  CCA de Foz, CCU de Monforte de Lemos, Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, a asociación de empresarios de Chantada e o colectivo Sete Pontes de Vilalba.

Investimentos subvencionables

Os investimentos máximos subvencionables establécense en tres tramos: ata 65.000 euros para CCA con 100 ou máis comercios asociados; ata 55.000 euros para aqueles con entre 70 e 99 negocios; e ata 40.000 euros para os que conten entre 50 e 69 establecementos adheridos.

A intensidade das axudas poderá oscilar entre o 70 % e o 90 % dos gastos. Para fixar as contías valóranse aspectos como o carácter innovador das campañas, a súa capacidade para atraer nova clientela e incentivar o consumo, así como a existencia dun plan de difusión das accións de que leven a cabo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2026