O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración respondeu no Pleno do Parlamento a unha pregunta sobre os apoios do Goberno galego ao emprego por conta propia

A Xunta destaca o enfoque facilitador e integral das axudas a prol do colectivo autónomo cunha batería de apoios superior aos 42 M€ en 2026

González destacou que Galicia é a terceira comunidade de España con maior peso de persoas autónomas no total de afiliacións, superando o 19%, case catro puntos por riba da media estatal

Indicou que o Goberno galego apoia todas as fases do emprendemento, con achegas ao inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade (40,7 M€), á contratación indefinida polo colectivo (1,3M€) e ás asociacións (350.000€)

Salientou que a orde única para o colectivo inclúe como novidades a ampliación a dous anos a cota 0 aos autónomos que inicien a súa actividade en sectores asociados á agricultura, gandaría e silvicultura e a suba dun 20% no orzamento do Bono Remuda

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe en valor no Pleno do Parlamento os apoios da Xunta de Galicia a prol do emprego autónomo, cunha batería de medidas para 2026 que supera os 42 M€ en axudas e cun enfoque facilitador e integral, estruturado para cubrir todas as fases do emprendemento, desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento, incluíndo tamén medidas de conciliación, remuda xeracional e apoio a quen desexe volver iniciar un proxecto tras unha etapa previa como autónomo.

Así o sinalou na resposta a unha pregunta sobre as liñas de apoio que o Goberno galego ten actualmente en marcha para este colectivo clave na economía, enmarcadas na Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo, cun orzamento global de 360 M€ ata 2027. Neste contexto, destacou que Galicia é a terceira comunidade de España con maior peso de persoas autónomas no total de afiliacións, superando o 19% —case catro puntos por riba da media estatal—. Ademais, segundo a EPA, no cuarto trimestre de 2025 Galicia sitúase como a terceira comunidade con maior porcentaxe de empresarios empregadores (5,38%).

Para fortalecer e dar estabilidade a este colectivo, o conselleiro salientou o paquete específico de axudas para persoas autónomas de 2026, dotado con 40,7 M€ e con prazo de solicitude aberto ata o 30 de setembro, co que se agarda beneficiar arredor de 8.700 persoas. Esta orde integra os principais programas de apoio ao sector. Como novidade, destacou a ampliación a dous anos da cobertura da cota cero no programa de promoción do emprego autónomo para aquelas persoas que inicien unha actividade vinculada á agricultura, gandaría ou silvicultura. Ademais, puxo de relevo o reforzo do orzamento do Bono Remuda cun incremento do 20 %, ata acadar os 1,5 M€, debido ao auxe desta liña destinada a facilitar a transmisión de negocios, con axudas tanto para quen asume o relevo como para quen traspasa por xubilación.

Outras liñas incluídas neste paquete único —remarcou— son o Bono Nova Oportunidade —dirixido a favorecer o retorno ao autoemprego— e o Bono Autónomo —para investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses de actividade e para apoiar a conciliación familiar— co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da actividade profesional.

Ademais, o Goberno galego destina 1,35 M€ a axudas para apoiar a contratación indefinida de persoas desempregadas por parte das persoas autónomas, tamén con prazo aberto ata o 30 de setembro, así como 350.000 euros para o funcionamento das asociacións do colectivo, neste caso con prazo de solicitude aberto ata o 4 de marzo.

Pulo ao tecido emprendedor

José González engadiu que estas medidas complétanse coas actuacións integradas na futura Estratexia de emprendemento ligada ao territorio de Galicia, que nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025. Esta ferramenta abarca instrumentos xa en marcha como a Rede de polos —con 15 oficinas activas—, así como as axudas a novos proxectos emprendedores, dotadas con 6,7 M€ e cun prazo de solicitude aberto ata o 2 de marzo. Tamén están en marcha axudas para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas, cun orzamento de 1 millón de euros.

Ademais, lembrou que proximamente se aprobará a nova Lei de Cooperativas de Galicia, para visibilizar esta fórmula como alternativa para o emprendemento en sectores estratéxicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2026