A Xunta inviste 53.000 euros na mellora da eficiencia enerxética do IES Francisco Asorey, en Cambados
Substituíronse as antigas luminarias por unhas novas LED con tecnoloxía adaptativa á luz natural
Instaláronse 36 paneis fotovoltaicos que permitirán un aforro medio anual de 30.000 kW/h
Cambados (Pontevedra), 25 de febreiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o IES Francisco Asorey para coñecer de primeira man o resultado das actuacións de mellora da eficiencia enerxética levadas a cabo no centro, cun investimento total de 53.000 euros por parte da Xunta de Galicia.
As actuacións inclúen a substitución das luminarias existentes por novas luces LED cun sistema de graduación automática en función da luz natural, cun investimento de 31.000 euros. Esta intervención completa a renovación do sistema de iluminación iniciada no ano 2021, que contou cun investimento previo de 124.000 euros, permitindo optimizar aínda máis o consumo enerxético do centro.
Ademais, instalouse un sistema de enerxía fotovoltaica cun investimento de 22.000 euros, composto por 36 paneis de 540 Wp, situados na cuberta plana do suroeste do edificio, que permiten acadar unha potencia total de 17,5 kW. Grazas a esta instalación, estímase un aforro medio anual de 30.000 kW/h, o que permitirá amortizar o investimento nun prazo aproximado de dous anos.
O delegado territorial destacou a importancia deste tipo de actuacións nos centros educativos, subliñando que “investir en eficiencia enerxética é investir nunha educación máis sostible, responsable e comprometida co medio ambiente, ao tempo que se reducen os custos de funcionamento dos centros”.
Plan de nova arquitectura pedagóxica
O Goberno galego ten un compromiso coa renovación e adaptación dos colexios e institutos ás necesidades do século XXI ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Esta folla de ruta abrangue tanto as partidas anuais para as grandes obras en execución, como a construción de novos centros ou rehabilitacións integrais, así como intervencións de pequena e mediana envergadura que adoitan acometerse nos meses de verán (reformas de baños, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización, tarefas de pintura ou arranxos de patios, entre outras).