O delegado da Xunta felicita ao IES de Foz polo éxito dos certames de baristas, que este ano rexistran récord de inscritos

Foz (Lugo), 26 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, acudiu hoxe ao IES de Foz para acompañar aos participantes no XVIII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e no XIII Certame Internacional de Cata de Cafés.

O certame de baristas rexistra este ano un récord de participación, coa presenza de 26 centros educativos de 14 comunidades autónomas españolas, así como de Italia e Portugal, consolidándose como unha cita de referencia no ámbito da formación en hostalería. Pola súa banda, ao certame de cata de cafés concorren 21 participantes.

Arias felicitou ao instituto polo éxito e prestixio destes campionatos, “que contribúen a exaltar e impulsar o talento da nova xeración de profesionais que se forman nos ciclos de Hostalería, ao tempo que reforza a conexión da Formación Profesional coa realidade do sector”.

Nese sentido, subliñou que a Xunta duplicou nos últimos anos a oferta de Formación Profesional relacionada con estas actividades e co turismo, “sectores con gran peso na economía galega e cunha importante demanda de persoal cualificado”.

O delegado destacou tamén a singularidade do IES de Foz, como único centro formativo de España que conta cunha Aula Tecnolóxica de Torrado de Café. Trátase dun recurso pioneiro, impulsado pola Xunta, “que permite ao alumnado coñecer o proceso completo do café, desde o tratamento do gran ata a preparación final do produto, mellorando así a súa cualificación e empregabilidade”.

Os certames continuarán mañá coa celebración das últimas probas e a entrega de premios. Ademais, a cita inclúe diferentes actividades paralelas como degustacións de cafés a cargo de baristas profesionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026