A Xunta reforza a coordinación de Emerxencias en Galicia cun novo posto de mando avanzado
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou a nova dotación, presentada en Madrid pola Axencia Galega de Emerxencias no marco da 25ª edición do Salón Internacional de Seguridade
A adquisición enmárcase no proxecto Atempo e supuxo un investimento de 326.700 euros
Madrid, 26 de febreiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, visitou hoxe o novo Posto de Mando Avanzado (PMA) presentado pola Axega no marco da 25ª edición do Salón Internacional de Seguridade (SICUR) que se celebra estes días en Madrid. A nova dotación supuxo un investimento de 326.700 euros e deseñouse para actuar en zonas de difícil acceso, onde os vehículos pesados presentan limitacións de mobilidade.
Cun chasis de 5,5 toneladas e tracción integral 4x4, a unidade non substitúe o posto de mando de grandes dimensións xa existente, senón que o complementa, garantindo que a coordinación técnica poida despregarse na primeira liña das emerxencias con independencia da orografía do terreo.
O vehículo funciona como un centro de coordinación móbil con capacidade para seis persoas, distribuídas nun posto de operacións técnicas e nunha área de reunións para a toma de decisións. O interior está optimizado con sistemas informáticos de altas prestacións, monitores de gran formato, pantallas 4K, videoconferencia profesional e dispositivos de impresión, facilitando a análise e xestión en tempo real da información durante unha intervención.
No ámbito das telecomunicacións, incorpora emisoras TETRA integradas con acceso a RESGAL (Rede Pública Dixital de emerxencias de Galicia), radios en distintas bandas, conectividade 5G e Wifi e enlace satelital de órbita baixa, asegurando a continuidade das comunicacións mesmo ante fallos das infraestruturas convencionais. Ademais, conta con cámaras de videovixilancia e mastro telescópico de ata tres metros con control remoto.
A autonomía enerxética complétase con baterías de litio, paneis solares e grupo electróxeno insonorizado, cun sistema intelixente de xestión que garante a operatividade prolongada dos compoñentes críticos en escenarios sen subministración eléctrica externa.
Cooperación transfronteiriza
Esta nova adquisición enmárcase no proxecto Atempo, financiado a través do programa Interreg POCTEP 2021-2027, que ten como finalidade mellorar a preparación, coordinación e resposta dos servizos de emerxencias mediante a dotación de novos recursos tecnolóxicos e a cooperación transfronteiriza.