A Comisión Europea apoia a creación dun Punto de Coordinación Transfronteirizo na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal

O proxecto da AECT Galicia-Norte de Portugal foi aprobado para a fronteira hispano-lusa no marco do programa BRIDGEforEU como mecanismo de cooperación institucional e administrativa

Forma parte dos 15 aprobados a nivel europeo e trátase do único elixido ao longo da fronteira entre España e Portugal nesta convocatoria

O obxectivo é ofrecer respostas prácticas e estruturadas ás persoas que desenvolven a súa vida persoal, educativa ou profesional a ambos os lados da fronteira

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2026

A Comisión Europea aprobou a creación dun Punto de Coordinación Transfronteirizo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, un dos espazos fronteirizos máis dinámicos da Península Ibérica. A iniciativa xorde do proxecto PONTE_PARA_NÓS – Bridge for Cooperation: Cross-Border Coordination Point for the Galicia–North Portugal Euroregion, presentado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal no marco do programa BRIDGEforEU. Terá unha duración de 18 meses cun investimento de 120.000 euros cofinanciado pola Comisión Europea. O proxecto forma parte dos 15 aprobados a nivel europeo e é o único elixido ao longo da fronteira entre España e Portugal nesta convocatoria.

O obxectivo é ofrecer respostas prácticas e estruturadas a situacións reais que lles afectan ás familias e ás persoas que desenvolven a súa vida persoal, educativa ou profesional a ambos os lados da fronteira. Así, o punto de coordinación configurarase como un mecanismo permanente de cooperación institucional e administrativa, destinado a identificar e analizar obstáculos legais e administrativos; canalizar, rexistrar e atender as queixas da cidadanía derivadas do efecto fronteira; coordinar respostas e solucións entre administracións públicas, empresas e axentes sociais; e propor fórmulas replicables que contribúan ao reforzo da cohesión territorial europea.

Deste xeito, o novo Punto de Coordinación Transfronteirizo terá especial relevancia como xanela única, permitindo promover solucións coordinadas a nivel bilateral e europeo nunha eurorrexión caracterizada por intensos fluxos comerciais, elevada mobilidade laboral, cooperación científica consolidada e un profundo intercambio cultural entre ambas as marxes da fronteira. Supón ademais un avance significativo cara a unha integración transfronteiriza máis efectiva, operativa e orientada a resultados, situando a cidadanía no centro das políticas de cooperación.

Con esta aprobación, a AECT da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal consolida o seu papel como espazo piloto na construción de solucións innovadoras para a integración territorial europea, contribuíndo activamente á consolidación dunha Europa máis cohesionada, funcional e próxima á cidadanía.

Ecosistema estruturado de cooperación

Creada en 2008 pola Xunta e a CCDR NORTE, a AECT foi a primeira constituída na Península Ibérica e actúa como organismo executivo da Comunidade de Traballo Galicia–Norte de Portugal, fundada en 1991. Con máis de 15 anos de experiencia en gobernanza transfronteiriza, a AECT consolidou un ecosistema estruturado de cooperación, integrando programas estratéxicos como o EURES Transfronteirizo (emprego e mobilidade laboral), o IACOBUS (investigación e ensino superior) e o NORTEAR (cooperación cultural).

O novo Punto de Coordinación permitirá articular estas iniciativas nun marco integrado de resposta ás barreiras transfronteirizas, reforzando a conexión entre políticas públicas e necesidades reais do tecido económico e social.

Data de actualización: 26/02/2026