O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe en dous encontros con representantes empresariais da provincia da Coruña

A Xunta pon de relevo o seu modelo propio para atraer talento urxindo ao Goberno central o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo

José González referiuse ao novo escenario aberto pola regulación extraordinaria de persoas inmigrantes en situación irregular que, ao seu xuízo, evidencia a improvisación e falta de planificación e rigor do Executivo estatal

Defendeu que Galicia aposta por un modelo de captación de persoas traballadoras ordenado e planificado desde a orixe, aliñado coas necesidades do mercado laboral

Para potenciar o talento interno, subliñou o redeseño integral das políticas activas de emprego, vinculando o investimento público en formación para o emprego coas necesidades reais das empresas e as vacantes do territorio

Neste sentido, destacou o novo enfoque da orde ‘Galicia Suma Talento: Emprégate’, dotada con 19,7 M€ e aberta na actualidade, que prioriza por primeira vez a contratación de persoas desempregadas formadas ao abeiro das ordes autonómicas

A Coruña, 26 de febreiro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en senllos encontros con empresariado da provincia coruñesa: o primeiro na sede da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), no que tamén tomou parte a Confederación de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), e que contou coa presenza da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e o segundo nas Pontes, coa asociación empresarial Seara, no que tamén estivo a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros. En ambos casos, José González puxo en valor o modelo da Xunta de captación de talento exterior, de xeito ordenado e planificado e aliñado coas necesidades das empresas.

Nese senso, o conselleiro referiuse ao novo escenario derivado da regulación extraordinaria de persoas inmigrantes en situación irregular anunciada polo Goberno central, que —indicou— evidencia falta de planificación e rigor nun ámbito que debería abordarse como política de Estado. A este proceso contrapón a filosofía galega, que aposta por un modelo integral de inmigración ordenada, aliñado coas necesidades do tecido produtivo e baseado na integración laboral real, que se estrutura nun primeiro foco no retorno das persoas galegas do exterior e, nun segundo eixe, na atracción de talento procedente de terceiros países. Nesta folla de ruta, concluíu, resulta clave axilizar o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo solicitadas por Galicia para responder con eficacia ás necesidades do mercado laboral.

Peche do círculo da empregabilidade

En clave interna, o conselleiro destacou o esforzo da Xunta de Galicia por pechar o círculo da empregabilidade a través dunha estratexia integral de políticas activas de emprego que conecta a formación para o emprego cos incentivos á contratación, garantindo que o investimento público se traduza nun impacto real e efectivo no mercado laboral galego. Nesa liña, salientou o novo enfoque da orde Galicia Suma Talento: Emprégate, cun orzamento de 19,7 M€ aberto actualmente para apoiar a contratación de persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción laboral, como mocidade, mulleres, persoas paradas de longa duración, emigrantes retornados ou persoas con discapacidade, entre outros colectivos.

Como principal novidade desa orde, sinalou que por primeira vez se dará prioridade a aquelas persoas que recibiran previamente formación para o emprego financiada con recursos autonómicos, reforzando así a conexión directa entre as políticas formativas da Xunta e a incorporación efectiva ao mercado laboral. Neste sentido, recordou que o Consello da Xunta deu luz verde este luns ao novo programa Talento Mozo (6,6 M€), os programas de formación e emprego para persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil que se reorientan con novos compromisos de inserción e incentivos á contratación, así como centrándose nos sectores con máis de demanda.

José González enmarcou estas actuacións na renovación integral das políticas activas de emprego que está a impulsar o Goberno galego para dar resposta aos retos do emprego, da competitividade e da captación de talento, con outras medidas como o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego e as ordes de formación en vigor, entre as que salientou as AFD, con 40 M€, e o Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas, dotado con 10,6 M€.

No referido ás contornas do empresariado participante nos encontros, o titular de Emprego tamén aludiu a outras iniciativas como o proxecto da Xunta ActivaVerde, que busca a recualificación profesional e a empregabilidade das persoas afectadas polo peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026