O investimento en I+D en biotecnoloxía increméntase ata alcanzar a cifra récord de 175 M€ en 2024
Galicia sube un 19% fronte ao 14% do conxunto do Estado, segundo o informe ‘Estatística sobre o uso da biotecnoloxía’ do Instituto Nacional de Estatística
Este crecemento supón un aumento de 28 M€ con respecto ao ano anterior
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2026
Galicia continúa incrementando o seu gasto en I+D en biotecnoloxía: o investimento galego neste eido medra ata acadar a cifra récord de 175 M€ en 2024. Así se indica no informe Estatística sobre o uso da biotecnoloxía, publicado hoxe polo Instituto Nacional de Estatística. Este incremento supón un crecemento do 19%, superior ao do conxunto do Estado que foi do 14%, supoñendo case cinco puntos máis.
Isto supón que o gasto en I+D en biotecnoloxía aumenta en case 28 M€ con respecto ao ano anterior (2023), uns datos que evidencian a aposta pola investigación e a innovación, De feito, a Comunidade tamén incrementa o seu peso no conxunto do Estado pasando dun 5,4% en 2023 a un 5,6% en 2024, sendo así a sexta autonomía no ránking nacional de rexións que máis invisten neste eido.
Estes bos resultados son tamén mostra da aposta decidida da Xunta pola I+G+i, a ciencia e innovación feitas en Galicia, e por converter Galicia nun territorio de referencia. Como se pon de manifesto no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, a biotecnoloxía é unha iniciativa de alto impacto (xunto coas tecnoloxías limpas e as tecnoloxías profundas) e que supón unha prioridade para o Goberno autonómico. De feito, para seguir impulsando este crecemento, a Xunta xa está traballando na elaboración da nova Estratexia de excelencia da biotecnoloxía en Galicia 2030.
Un incremento do 9% en persoal investigador
No que respecta ao persoal investigador, Galicia rexistra 1.398 profesionais dedicados á investigación en biotecnoloxía, o que supón un incremento do 9% respecto ao ano 2023, consolidando a tendencia de crecemento do persoal investigador no ámbito biotecnolóxico. Así mesmo, do total de investigadores en Galicia, case o 57% son mulleres.
Ademais, a comunidade galega tamén ocupa a sexta posición a nivel estatal en número de traballadores en equivalencia a xornada completa. No ano 2024 o sector contou con 1.878 persoas empregadas, das que o 60% son mulleres.