A Xunta anima os 37 alumnos galegos que participan no campionato SpainSkills

Os estudantes, integrantes da “selección galega de Formación Profesional”, compiten desde o martes nas olimpíadas estatais

Os gañadores formarán parte da delegación española nos vindeiros campionatos internacionais

Madrid, 26 de febreiro de 2026

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, asistiu hoxe ao campionato nacional de FP SpainSkills, que se celebra en Madrid, para apoiar os 37 alumnos que representan a Galicia nesta competición estatal. “Estes mozos son un exemplo pola súa constancia, capacidade de superación e esforzo por acadar a excelencia”, salientou a representante da Consellería, quen destacou que “a selección galega de FP amosa o gran nivel e a calidade destas ensinanzas”.

Nesta edición das olimpíadas participan 25 centros educativos de toda Galicia, que compiten en 33 das 34 modalidades convocadas. Delas, 30 son probas clasificables para os campionatos internacionais e tres desenvólvense en formato demostración. “Están a demostrar aquí o talento, a preparación e o compromiso que caracterizan á Formación Profesional galega e ao seu profesorado”, subliñou Eugenia Pérez. Os gañadores integraranse na delegación española que participará no campionato mundial, que terá lugar en Shanghai (China) en setembro de 2026, así como no europeo, previsto en Alemaña no ano 2027.

O campionato, que se desenvolve no recinto feiral de IFEMA desde o martes e ata o sábado, data na que se darán a coñecer os gañadores, ten como obxectivo visibilizar as habilidades do alumnado de Formación Profesional. Ademais, constitúe un espazo de encontro entre institucións educativas e o tecido empresarial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026