A Xunta pon de relevo a colaboración coa Universidade de Vigo a prol do emprendemento co gallo da entrega de premios do programa Incuvi
Vigo, 26 de febreiro de 2026
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiu hoxe ao acto de entrega dos premios do programa Incuvi, unha iniciativa da Universidade de Vigo apoiada pola Xunta de Galicia para promover a innovación, a competitividade e o emprendemento entre o estudantado e as persoas recentemente tituladas. En concreto, prémianse 17 iniciativas empresariais nos tres campus (Vigo, Pontevedra e Ourense).
Así, 12 son recoñecidas na modalidade Incuvi Emprende —para as ideas que se atopan no nivel de desenvolvemento máis básico—, catro na Incuvi Avanza —para os proxectos con certo nivel de maduración— e unha axuda na Incuvi Consolida —para as iniciativas que, tras recibir as axudas anteriores, poden validar a súa idea de negocio e chegar ao mercado—. A directora xeral puxo de relevo a colaboración coa Universidade de Vigo a prol do emprendemento, celebrando que os proxectos recoñecidos hoxe vaian recibir apoio para avaliar se as súas ideas de negocio poden converterse en proxectos rendibles, ao tempo que poderán participar nun programa formativo e unirse á comunidade emprendedora.