A Xunta incide na necesidade de posicionar Galicia como actor clave da loxística europea

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, asistiu á inauguración da asemblea xeral do Clúster da Función Loxística e salientou que o sector representa máis do 12,5% do PIB galego

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2026

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, asistiu esta tarde á inauguración da asemblea xeral do Clúster da Función Loxística de Galicia, foro no que reafirmou o compromiso da Xunta co impulso dun sistema loxístico competitivo, sostible e plenamente integrado nos corredores europeos, facendo fincapé no transporte de mercadorías.

Durante o encontro, Fontela destacou que a loxística é xa un motor económico de primeira orde en Galicia, cun impacto que supera o 12,5% do PIB e que xera preto de 134.000 empregos directos. Neste contexto, subliñou que a prioridade do Goberno galego é avanzar na mellora continua e no reforzo da competitividade no sector, en colaboración co Clúster e co conxunto do tecido empresarial.

A directora xeral de Mobilidade incidiu en que a comunidade galega é unha das principais exportadoras do Estado e puxo o foco nas actuacións que está a impulsar a Xunta para facilitar o transporte de mercadorías.

Fontela salientou os esforzos de Galicia por avanzar cara á infraestruturas modernas e intermodais, así como na consolidación das autoestradas ferroviarias, co obxectivo de optimizar tempos e custos, ampliar a área de influencia dos portos galegos e incrementar a cota do transporte ferroviario, o medio terrestre máis sostible.

Finalmente, reiterou que a Xunta seguirá reclamándolle ao Goberno central os investimentos precisos para que Galicia consolide o seu papel como nodo loxístico de referencia no noroeste peninsular e no conxunto de Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026