O presidente da Xunta participou no acto de entrega da Medalla de Ouro ao presidente do Banco Sabadell, Josep Oliu, por parte da CEP
Rueda reivindica a colaboración público-privada e o papel das entidades financeiras como aliadas estratéxicas do tecido produtivo
Reitera o apoio do Goberno autonómico ao empresariado e aos emprendedores e aposta por seguir cooperando con “lealdade” xa que a Galicia Calidade é “cousa de todos”
Vigo, 26 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a colaboración público-privada e o papel das entidades financeiras á hora de atraer investimento e xerar emprego de calidade na comunidade.
Así o sinalou durante o acto de entrega da Medalla de Ouro da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) ao presidente do Banco Sabadell, Josep Oliu, ao que agradeceu a súa aposta decidida pola comunidade.
Neste contexto, Rueda reflexionou sobre a importancia de apoiar tanto ás empresas e aos proxectos grandes que existen na comunidade como o impulso a iniciativas de menor dimensión, entendendo que “gran parte do noso entramado empresarial é un entramado familiar”.
O titular da Xunta, quen reiterou o respaldo do Goberno galego ao empresariado e aos emprendedores, felicitou á CEP polo seu papel defendendo os intereses do empresariado da provincia, salientando que “ter interlocutores é fundamental, para recibir o que pensan todos os seus representados e para ser capaces de transmitir o que pensan as administracións”.
O responsable do Executivo autonómico, quen apuntou que “estamos nun momento no que podemos mirar cara ao futuro con esperanza e con optimismo”, sinalou a necesidade de seguir cooperando con “lealdade” xa que a Galicia Calidade é “cousa de todos”.