A Xunta mantén aberta a convocatoria do programa Retorna Talento FP para o curso 2026/27
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao CIFP Ferrolterra para visitar aos 4 alumnos que estudan neste centro grazas ao programa
Lembrou que cada bolsa ten unha cuantía de 15.000 € e que o prazo para solicitalas remata o próximo 30 de abril
Ferrol, 27 de febreiro de 2026
O CIFP Ferrolterra volveu a acoller este ano a estudantes do Programa Retorna Talento FP da Xunta de Galicia. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da vicedirectora do centro, Raquel Rodríguez, visitou esta mañá aos catro alumnos que se forman na FP Dual de Mecatrónica.
A delegada territorial interesouse polo grao de satisfacción destes estudantes procedentes de Venezuela e Brasil co programa, así como a súa experiencia no marco desta iniciativa que permite que galegos residentes no estranxeiro -tanto emigrantes como descendentes destes- cursen formación profesional en Galicia e se incorporen ao noso mercado laboral.
Os alumnos desta formación chegaron ao centro a principios de febreiro e están a realizar dous meses de clases presenciais prácticas ás que seguirá un período de formación na empresa naronesa ElectroRayma, na que estarán ata agosto.
Nova convocatoria
Aneiros lembrou que a convocatoria de solicitude das bolsas Retorna Talento FP, que permitirán aos receptores formarse profesionalmente en diferentes centros galegos durante os próximos dous cursos (2026/27 e 2027/28), segue aberta ata o 30 de abril. O CIFP Ferrolterra volve a ser o único centro da comarca adherido ao programa, ofertando para esta nova edición o ciclo medio de Soldadura e caldeiraría en modalidade presencial.
A Xunta destina un total de 1.800.000 € para as 120 becas ofertadas, cuxa contía se incrementa ata os 15.000 €, cantidade que será distribuída nas tres anualidades que cubre a formación (2026, 2027 e 2028). Estas axudas permiten aos beneficiarios afrontar custos asociados á viaxe dende o seu país de procedencia, aloxamento e manutención en Galicia e subscrición dun seguro médico, de ser o caso.
A responsable da Xunta anotou que este programa, enmarcado na Estratexia Galicia Retorna, non só favorece o a suma de profesionais formados á industria local, senón que fai que a sociedade galega enriquézase cos coñecementos e experiencias profesionais internacionais que estas persoas nacidas ou residentes no estranxeiro podan aportar.