A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse hoxe co alcalde para avaliar o impacto positivo que supón o incremento dos fondos para esta prestación

A Xunta inxectará case 500.000 euros ata 2028 para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar en Vedra

Nesta lexislatura incrementarase nun 50% a achega autonómica a esta prestación, que é de competencia municipal

Preto de 3.000 dependentes viron paralizado o recoñecemento automático da súa discapacidade polo recurso do Goberno central ao plan de choque

Vedra (A Coruña), 28 de febreiro do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a Remedios Pereiras, veciña de Vedra de 102 anos e usuaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Fíxoo para avaliar de primeira man o impacto que ten o acordo asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que permitirá que os concellos poidan mellorar este servizo, que é de competencia municipal. Durante a visita estivo acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez.

Fabiola García cualificou de “histórico” este acordo, xa que suporá un aumento do 50% da achega do Goberno galego ao SAF, o que supón que a Xunta inxectará 150 millóns de euros máis nos municipios nesta lexislatura. En concreto, explicou que no caso do concello de Vedra, este acordo terá un impacto claramente positivo, posto que o incremento do financiamento da Xunta durante os tres anos de vixencia do acordo ascenderá a 486.000 euros. Isto representa, engadiu, un importante aforro para o concello de Vedra, que poderá aproveitar para seguir mellorando os seus servizos sociais.

Fabiola García apuntou que “as cifras evidencian o beneficioso que será este acordo” e pon de manifesto o compromiso da Xunta de Galicia coas Administracións locais e, en especial, con todos os dependentes galegos. Un compromiso que a titular de Política Social e Igualdade botou en falta por parte do Goberno central. Neste sentido, criticou o feito de que “mentres a Xunta avanza en dereitos sociais, o Executivo de Pedro Sánchez segue sen cumprir a Lei” e sen aportar o 50% do custo da dependencia; polo que, lembrou, a débeda con Galicia ascende 2.900 millóns de euros.

Golpe ao Goberno central

Ademais deste déficit no financiamento da dependencia, a conselleira denunciou que o Goberno central queira paralizar o Plan de choque posto en marcha hai un ano pola Xunta e que tan bos resultados está dar, con máis de 86.000 expedientes de dependencia e de discapacidade resoltos de maneira favorable, o dobre que no 2024.

Fabiola García sinalou que a decisión do Tribunal Constitucional de levantar a paralización deste plan `”é un duro golpe para o Goberno central”, que coa súa actuación provocou que preto de 3.000 dependentes visen paralizada a homologación automática da súa dependencia e que tamén supuxo demoras no resto de procesos de valoración.

Data de actualización: 28/02/2026