A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con responsables de establecementos hostaleiros localizados na costa
A Xunta expón a empresarios galegos da hostalaría o proxecto do Camiño do Litoral e a aplicación para difundir o patrimonio existente na súa contorna
Ángeles Vázquez salienta a importancia de poñer en marcha iniciativas que combinen a dinamización económica dos municipios costeiros co coidado do medio ambiente
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro con varios responsables de establecementos hostaleiros asentados na costa no que lles expuxo o proxecto da Xunta para poñer en marcha o Camiño do litoral e unha aplicación co fin de difundir os valores patrimoniais, naturais e de servizos existentes na súa contorna.
A responsable autonómica explicou que a Xunta avanza no deseño desa senda que pretende vertebrar de norte a sur -desde Ribadeo ata Tui- a costa máis extensa de todo o país mediante un itinerario de aproximadamente 1.300 quilómetros e que se poderá percorrer tanto a pé como en bicicleta.
En paralelo, estase a traballar no deseño dunha aplicación móbil -Conecta litoral, que se prevé que estea lista o próximo verán- que contará con toda a información relevante de cada etapa para dar a coñecer á cidadanía en xeral a flora e a fauna, o patrimonio cultural, a gastronomía e outros servizos de hostalaría e a historia das distintas localidades polas que pasa o camiño.
Nesta liña, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, salientou que este proxecto do Executivo galego tamén busca dinamizar a economía dos municipios costeiros e ofrecer tanto á cidadanía galega como ás persoas que visiten a comunidade unha proposta turística nova e atractiva aliñada co obxectivo de avanzar cara a un litoral sostible, respectuoso e próspero que combine tradición e medio ambiente.
A Xunta e os responsables de establecementos hostaleiros coincidiron na transcendencia de avanzar neste eido e na necesidade de buscar fórmulas coas que intensificar a posta en valor de elementos patrimoniais do litoral, como poden ser os faros, para o seu desfrute polo conxunto da cidadanía.
A conselleira tamén lles trasladou as xestións que está a facer a Xunta ante a pretensión do Goberno central de modificar o Regulamento Xeral de Costas pola porta de atrás co pretexto de que así llo exixe Bruxelas. Neste sentido, lembrou que é o terceiro intento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de restrinxir a duración das concesións e de retirar calquera vestixio humano do litoral, o que pon en risco o futuro de moitas actividades e instalacións asentadas na costa.