A Xunta fará un estudo para analizar a mellor opción para a distribución do alumnado do Colexio Plurilingüe Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces
O director territorial da Consellería de Educación na provincia reúnese co equipo directivo, a Unidade Técnica e a Inspección Educativa para analizar as opcións
Cómpre lembrar que a Xunta investiu máis de 400.000€ na rehabilitación do edificio de Primaria deste centro en 2016
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026
O director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, reuniuse esta mañá co equipo directivo do Colexio Plurilingüe Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces para analizar a posibilidade de integrar nun só edificio o alumnado de Educación Infantil e Primaria. No encontro participaron tamén a Unidade Técnica e a Inspección Educativa.
Analizadas as previsións de matrícula, que van á alza neste centro, e tendo en conta a redución de ratios –de 25 a 20 alumnos por aula, que o curso que vén estará implantada nos tres cursos de Infantil–, descartouse a posibilidade de integrar no mesmo edificio a todos os alumnos o ano que vén.
Así as cousas, os participantes na reunión coincidiron na necesidade de facer un estudo detallado das posibilidades existentes que pasan, por unha banda, por ampliar o edificio de Primaria ou, por outra, acometer unha reforma integral no de Infantil. Unha vez se analicen os beneficios e as desvantaxes de cada unha das opcións, así como o seu impacto económico, tomarase unha decisión.
Con todo, o representante da Consellería de Educación sinalou que se van acometer de cara ao curso que vén melloras tanto nos aseos do edificio de Primaria como na cuberta do de Infantil co obxectivo de garantir o confort da comunidade educativa do colexio crucense.
Cómpre lembrar que a Consellería de Educación acometeu unha obra integral de mellora da eficiencia enerxética do edificio de Primaria do CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade en 2016, cun investimento de máis de 400.000 €. A actuación abrangueu o cambio de fiestras e o recheo da cámara de aire con material illante. No interior do centro cambiáronse os falsos teitos e instaláronse novas luminarias led con sistemas de detección do movemento.