O conselleiro de Sanidade participou esta tarde en Compostela na conferencia “Cuidarse hoy para vivir mejor mañana“, que organiza ASISA no marco da quinta edición de O Gran Camiño
Gómez Caamaño destaca a aposta da Xunta pola prevención e a promoción de hábitos saudables como estratexia de saúde pública no Día Mundial da Obesidade
A Xunta desenvolve diferentes iniciativas para facer fronte ao sobrepeso e ao sedentarimo, como o Plan Obesidade Zero, a plataforma Sanidade Mediaverso ou o programa Adestra a túa Saúde
O conselleiro lembra da importancia de adquirir hábitos de vida saudables para acadar unha calidade de vida óptima
Na xornada de hoxe, a Xunta organizou cinco andainas co obxectivo de fomentar a práctica de exercicio físico entre a poboación e previr a aparición de enfermidades crónicas e condutas adictivas
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026.- O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta tarde en Compostela a aposta da Xunta pola prevención e a promoción dos hábitos saudables como estratexia de saúde pública para facer fronte á obesidade e o sedentarismo.
No marco dos actos do Día Mundial da Obesidade, o responsable autonómico subliñou que a prevención é un dos piares fundamentais para abordar os grandes retos que posúen os sistemas sanitarios na actualidade.
Durante a súa intervención na conferencia “Cuidarse hoy para vivir mejor mañana“, que organiza ASISA no marco da quinta edición de O Gran Camiño, Gómez Caamaño, remarcou que o Executivo galego traballa cunha perspectiva de saúde integral, impulsando iniciativas que buscan mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través de pequenas accións sostidas no tempo.
Entre outras iniciativas, o conselleiro puxo en valor o Plan Obesidade Zero, que aborda esta enfermidade desde un enfoque estrutural, preventivo e comunitario; a Rede Galega de Promoción da Saúde; a plataforma Sanidade Mediaverso; ou o programa de prescrición de actividade físico Adestra a túa saúde.
O titular da carteira sanitaria da Xunta identificou o deporte, a actividade física regular e a alimentación equilibrada como aliados fundamentais para un envellecemento saudable.
Lembrou a necesidade de adquirir hábitos de vida saudables para que Galicia sexa unha comunidade que non só presuma de lonxevidade, senón dunha excelente calidade de vida.
Andainas ‘Camiña e Conecta’
Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Obesidade, a Consellería de Sanidade organizou hoxe cinco andainas en distintos puntos da comunidade co obxectivo de fomentar a práctica de exercicio físico, ademais de previr a aparición de enfermidades crónicas ou as condutas adictivas.
Deste xeito, os concellos de Cerceda, Lugo, Ourense, Redondela e Porto do Son acolleron a organización de andainas nas que se lles lembrou aos participantes a importancia de realizar exercicio físico de xeito regular, manter unha alimentación equilibrada e unha boa hixiene do sono, así como coidar o benestar emocional.