A Xunta e a Delegación do Goberno colaborarán no operativo de mobilidade e seguridade ante a eclipse solar do 12 de agosto
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reuniuse co delegado do Goberno en Galicia para traballar na coordinación entre ambas as administracións
Acordouse compartir a información dispoñible co obxectivo de evitar calquera risco para a poboación e dificultades nas vías de comunicación
A Coruña, 5 de marzo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse hoxe co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para traballar na coordinación entre ambas as administracións de cara ao operativo de mobilidade e seguridade ante a eclipse solar do 12 de agosto. Na xuntanza acordouse compartir toda a información froito da comisión interministerial creada polo Goberno central e da interdepartamental impulsada pola Xunta, sobre todo en temas de seguridade e mobilidade.
Nesta liña, o conselleiro incidiu na importancia desta colaboración ante os numerosos desprazamentos que se prevén, especialmente nas áreas que se situarán dentro da franxa de sombra da eclipse, da que Galicia é un lugar privilexiado para a observación. O obxectivo é evitar calquera risco para a poboación e dificultades nas vías de comunicación, polo que ambas as administracións coinciden na importancia de traballar de maneira conxunta en ámbitos clave como a mobilidade, a protección civil, a seguridade cidadá e a coordinación dos servizos públicos.
Cómpre lembrar que o Goberno galego constituíu xa a comezos de ano a Comisión interdepartamental na que participan representantes das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Educación, Ciencia, Universidades e FP e Sanidade, así como de Turismo de Galicia co obxectivo de preparar e coordinar actuacións para a observación segura da eclipse. Así, estanse a abordar retos como mobilidade, prevención de riscos e oportunidades turísticas e de divulgación científica, entre outros. Xa daquela, Diego Calvo avanzaba a vontade de impulsar a coordinación con outras administracións.