O delegado territorial da Xunta supervisa o estado das obras para completar a humanización e mellora da accesibilidade do núcleo de Moreiras, no concello de toén
Manuel Pardo destacou que esta actuación é froito dun acordo de cooperación subscrito entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o concello, que supuxo un investimento total de preto de 355.000 euros, dos que o 70% foi unha achega do Goberno galego
O delegado territorial explicou que o obxectivo desta intervención, enmarcada no plan Hurbe, é apoiar aos municipios galegos en intervencións que permitan humanizar espazos públicos ou dotarse de equipamentos, a fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación
O representante do Goberno galego destacou que a través deste programa da Xunta búscase reforzar o atractivo das nosas aldeas, vilas e municipios e contribuír así á revitalización do territorio e ao reforzo da competitividade económica
Ourense, 05 de marzo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá, acompañado da directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, e do alcalde, Ricardo González, o estado das obras para completar a humanización e mellora da accesibilidade do núcleo de Moreiras, no concello de Toén, grazas a un acordo de cooperación subscrito entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o ente municipal, que contou cun investimento de preto de 355.000 euros, dos que o 70% foi unha achega do Goberno galego.
O delegado territorial explicou que a través desta intervención crearanse un conxunto de espazos de lecer, incluíndo un auditorio ao aire libre, con escenario e bancos; a creación dunha zona de pérgolas con mobiliario para invitar ao descanso; un área de xogos infantís e outra onde se instalarán aparatos biosaudables (calistenia) e unha pista multideportiva. Ademais, dotarase a zona de alumeado e rede de pluviais e completarase con mobiliario urbano. Estes traballos completarán outras actuacións tamén financiadas co apoio da Xunta, e que permitiron urbanizar unha praza e mellorar a accesibilidade do núcleo de Moreiras.
Na súa visita, Manuel Pardo salientou que esta actuación desenvolverase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 que, como sinalou o delegado territorial, busca apoiar aos municipios galegos en intervencións que permitan humanizar espazos públicos ou dotarse de equipamentos, a fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación.
Nesta liña, enmarcou estes traballos na continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade reforzar o atractivo das nosas aldeas, vilas e municipios e contribuír así á revitalización do territorio e ao reforzo da competitividade económica.
O representante do Goberno galego tamén lembrou que se trata dun exemplo dos beneficios que aporta a cooperación permanente e sólida coas entidades locais, co fin de contribuír a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.