Medio Rural avanza na cobertura de prazas do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais e abrirá mesas de diálogo para melloras específicas

A secretaria xeral técnica da Consellería e o director xeral de Defensa do Monte mantiveron hoxe unha reunión coas diferentes organizacións sindicais de cara á planificación da provisión de prazas do SPIF para a campaña de alto risco deste ano

Os representantes da Consellería trasladaron a vontade de fixar negociacións concretas para acordar as melloras vinculadas a técnicos, axentes ambientais e bombeiros forestais

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026

Representantes da Consellería do Medio Rural mantiveron hoxe unha reunión con todas as organizacións sindicais para abordar a planificación da provisión de prazas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) de cara á campaña de alto risco deste 2026. Na xuntanza participaron a secretaria xeral técnica da Consellería, Marta Forés, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, así como persoal técnico da Consellería.

Desde o departamento autonómico transmitiuse a vontade de avanzar na cobertura de prazas de xeito áxil e, neste sentido, presentouse ante os sindicatos unha programación para os vindeiros tres meses con fitos concretos. Así mesmo, as diferentes organizacións poderán enviar achegas nos próximos días, co fin de contar cun calendario o máis consensuado posible.

A maiores, os cargos da Consellería tamén comprometeron a apertura de mesas de diálogo específicas para acordar melloras concretas vinculadas aos diferentes corpos de técnicos, axentes ambientais e bombeiros forestais que integran o SPIF. O obxectivo é iniciar proximamente estas negociacións cos representantes das organizacións sindicais. 

Data de actualización: 05/03/2026