A Xunta lanza por máis de 2,6 M€ a convocatoria de doutoramentos industriais para que 15 estudantes realicen a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ten aberto o prazo, ata o 27 de marzo, para sumarse a sexta edición deste exitoso programa da I+G+i
En conxunto, as cinco edicións anteriores desta iniciativa permitiron a contratación de 76 persoas doutorandas cun orzamento de 10 M€ por parte do Goberno galego
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia vén de abrir a sexta edición do programa Doutoramentos Industriais, unha iniciativa dotada con máis de 2,6 M€ para apoiar a contratación de 15 estudantes de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos galegos nos que desenvolverán a súa tese doutoral. O prazo de presentación de solicitudes destas bolsas científicas estará aberto ata o 27 de marzo.
O programa, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, permite aos mozos e mozas deseñar e realizar a tese doutoral nunha contorna real na nosa Comunidade, orientando o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas dunha empresa ou centro tecnolóxico, en colaboración coas universidades públicas que se encargarán da formación investigadora da persoa doutoranda.
Deste xeito, esta iniciativa favorece a investigación colaborativa entre unha empresa ou centro de innovación e a universidade correspondente, o que posibilita a transferencia de coñecemento. Ademais, tamén potencia a captación de mozos investigadores, posibilita a incorporación de persoal doutor ás empresas unha vez que se remate a duración destas axudas e fortalece a colaboración entre diferentes sectores da I+G+i.
Estadías de tres meses no estranxeiro
Os interesados deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade pública galega e ter unha persoa directora de tese vinculada ao programa. As bolsas inclúen custos de contratación, gastos relacionados co proxecto na empresa ou centro tecnolóxico e apoios para estadías de tres meses no estranxeiro, gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade e o custo da matrícula.
Desde a súa posta en marcha no ano 2021, os Doutoramentos Industriais permitiron a contratación de 76 doutorandos en 15 centros tecnolóxicos e 61 empresas cun orzamento de 10,1 M€. En canto ás universidades, 43 doutorandos están asociados á Universidade de Santiago de Compostela, 20 á Universidade de Vigo e 13 á Universidade da Coruña.
Apoio ao talento desde o inicio
Este programa forma parte da aposta da Xunta de Galicia polo talento e o emprego de calidade no ámbito da I+D+i e trata de posicionar a Galicia como unha rexión atractiva para o desenvolvemento da carreira investigadora desde as súas etapas iniciais.
Este programa forma parte das distintas liñas de apoio do Goberno autonómico ás etapas predoutoral e posdoutoral, aos grupos de investigación e aos centros da Rede CIGUS, un paquete que supera nestes momentos os 313 M€ activos. E súmase a outras iniciativas de impulso á carreira científica como Oportunius ou a nova Fundación Galtia de atracción de talento investigador de alto nivel, que comezará a funcionar este ano.