O Colexio Plurilingüe de Portonovo conta con novos espazos educativos ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica
O director xeral de Centros e Recursos Humanos visita as novas aulas, orientadas a fomentar as competencias STEM, o traballo colaborativo e as habilidades creativas
Sanxenxo (Pontevedra), 6 de marzo de 2026
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, supervisou hoxe as aulas adaptadas aos principios do Plan de nova arquitectura pedagóxica do Colexio Plurilingüe de Portonovo. Durante a súa visita ao centro, coñeceu estas novas dependencias, habilitadas tras a instalación dun ascensor o pasado verán, actuación que permitiu reconfigurar parte dos espazos do edificio.
En concreto, o centro incorpora dous novos espazos. O primeiro deles, denominado Obradoiro, estará destinado a acoller o material dos Polos Creativos e o taller de matemáticas, configurándose como unha sala orientada á experimentación, á aprendizaxe práctica e ao desenvolvemento das competencias STEM. A segunda estancia, chamada Faladoiro, funcionará como unha aula multifuncional pensada para promover o traballo colaborativo, o intercambio de ideas e o desenvolvemento de actividades dinámicas entre o alumnado.
Durante a visita, o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destacou que os Polos Creativos “son contornas dotadas de equipamento especializado que permiten fomentar as competencias STEM e as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado”. Ademais, estes dous novos espazos do Colexio de Portonovo enmárcanse na aposta da Xunta de Galicia por deseñar aulas escolares máis flexibles, adaptados ás necesidades pedagóxicas actuais e ás novas metodoloxías de ensino.