Allegue destaca no partido de futbol solidario “Xoga pola Igualdade”, na Estrada, que “cando as mulleres avanzan, avanza toda a sociedade”

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas participou hoxe no acto de véspera do Día Internacional da Muller e salientou o papel das deportistas galegas como referentes para as novas xeracións

A Estrada (Pontevedra), 6 de marzo de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou hoxe no Campo de Fútbol Municipal da Estrada no partido solidario Xoga pola Igualdade, celebrado nas vésperas do Día Internacional da Muller para reivindicar o papel das mulleres no deporte e promover a igualdade de oportunidades.

Durante a súa intervención, Allegue destacou que iniciativas como esta serven para visibilizar o papel das mulleres en todos os ámbitos da sociedade, tamén no deportivo, e para lembrar que o avance das mulleres supón tamén o progreso do conxunto da sociedade. Neste sentido, afirmou que “cando as mulleres avanzan, avanza toda a sociedade”.

O acto incluíu a entrega de condecoracións a mulleres vencelladas co fútbol —xogadoras, presidentas de clubs, adestradoras e árbitras— como recoñecemento ao seu labor e á súa contribución ao desenvolvemento deste deporte. A continuación disputouse un partido amistoso co que se quixo simbolizar o compromiso coa igualdade.

A conselleira subliñou que encontros coma este transmiten unha mensaxe clara: que no deporte e na vida todas as persoas deben xogar no mesmo equipo, o da igualdade de oportunidades.

Allegue destacou ademais que Galicia conta con referentes destacados no fútbol feminino, como Verónica Boquete, Nuria Rábano ou a pontevedresa Tere Abelleira, que contribúen a que este deporte fale cada vez máis en feminino e a que moitas nenas poidan cumprir o soño de xogar ao fútbol.

Durante a súa intervención tamén evocou unha coñecida frase da tenista Serena Williams, quen afirmou que o talento non entende de xénero, senón de esforzo, traballo e paixón polo deporte.

Finalmente, a conselleira lembrou que o próximo domingo se conmemora o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, unha data que —segundo indicou— lembra que a igualdade non é un favor, senón un dereito polo que cómpre seguir traballando cada día.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2026