A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe a esta celebración

A Xunta reafirma o seu compromiso de apoio ao sector vitivinícola galego na 43ª Feira do viño de Chantada

Gómez lembrou as diferentes liñas de axudas para este eido -arredor de 12 M€ este ano- destinadas a reestruturación e reconversión de viñedo, promoción en terceiros países ou apoio á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas

Avanzou tamén que este ano recibíronse preto de 800 solicitudes de achegas para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión de viñedos na Ribeira Sacra, dotadas cun orzamento de 1,5 M€

Chantada (Lugo), 8 de marzo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe á Feira do Viño de Chantada, que acada este ano a súa edición número 43.

Na cita, a responsable autonómica destacou a ampla tradición dunha celebración “consolidada como cita de referencia” dos viños desta subzona da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e puxo en valor a importancia deste tipo de eventos na difusión e promoción dos viños galegos en xeral e de Chantada en particular. Precisamente, sobre os viños desta subzona, salientou a súa calidade e características especiais, así como que sobresaen os tintos da variedade autóctona Mencía, que definiu como “un dos emblemas” da viticultura en Galicia”.

Nesta liña, Gómez reafirmou o apoio decidido da Xunta ao sector do viño que, lembrou, ponse de manifesto a través de diferentes liñas de axudas -arredor de 12 millóns de euros este ano- para reestruturación e reconversión de viñedo, promoción en terceiros países ou apoio a investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.

Asemade, cómpre mencionar a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia que vén desenvolvendo o Goberno galego e que pivota, entre outros recursos, sobre a peculiar paisaxe da Ribeira Sacra. Neste contexto, a conselleira puxo de relevo as axudas de Medio Rural para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión de viñedos nesta zona, dotadas este ano cun orzamento de 1,5 millóns de euros e para as que se recibiron preto de 800 solicitudes, segundo avanzou. O prazo para presentar ditas solicitudes pechouse o pasado día 9 de febreiro.

Con todas estas iniciativas de apoio ao sector, subliñou ademais Gómez, a Consellería vén sumarse ao impulso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade que está encarando xa a súa recta final, como recordou a titular de Medio Rural.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2026