Belén do Campo destaca o investimento de 30.000€ para a rehabilitación do Muíño de Sisalde en Arteixo grazas ás axudas da xunta para Reservas da Biosfera

A delegada da Xunta lembrou que a orde destas achegas beneficiou na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas aos concellos de Paderne, Bergondo, Carral, Arteixo, Oleiros, Miño e Oza-Cesuras por un importe total de máis de 165.000 euros, para actuacións de conservación e valorización do seu patrimonio natural e cultural

O Goberno galego destina, este ano, un orzamento de máis de 1,8M€ a axudas para distintas actuacións de mellora, protección e conservación de espazos protexidos galegos pertencentes ás reservas de biosfera da comunidade, Rede Natura 2000 ou aos seis parques naturais galegos

Arteixo (A Coruña), 10 de marzo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente, Pilar Arias, visitou esta mañá o Concello para supervisar o resultado da actuación da rehabilitación do Muíño de Sisalde que se atopa na Rede de Reservas de Biosfera de Galicia, cunha achega da Xunta de 30.000 euros. Este Concello forma parte da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas xunto cos municipios de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.

Este proxecto enmárcase nas actuacións subvencionables das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, así como á sensibilización ecolóxica na Rede de Reservas de Biosfera de Galicia, que convoca a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Os traballos realizados consistiron no levantamento da cuberta existente e na súa posterior reposición con material idéntico ao orixinal, na rehabilitación das paredes de madeira e na súa impermeabilización, así como no tratamento integral da madeira. Ademais, procedeuse á reposición da porta de madeira de acceso ao muíño, garantindo tanto os materiais como a estética tradicional, e á substitución da xanela existente, mantendo igualmente a coherencia estética e construtiva. A intervención completouse coa limpeza da contorna e coa reposición do canal en pedra, respectando os elementos tradicionais da construción.

Posteriormente, instalouse un vidro de seguridade no eixo da pedra do muíño co obxectivo de evitar caídas e permitir ao mesmo tempo a observación da arquitectura tradicional. Finalmente, realizouse a limpeza integral da zona de actuación, a fixación dalgunhas pedras nos accesos e a instalación de dous bancos de pedra granítica sobre base consolidada.

A parcela na que se sitúa o muíño conta cunha superficie de 17.783 m², mentres que o edificio ocupa unha superficie de 22,08 m², cunha configuración rectangular.

Con esta intervención refórzase o compromiso de Arteixo coa posta en valor e conservación do patrimonio etnográfico, contribuíndo á súa protección e á súa integración na contorna natural.

Belén do Campo lembrou na visita que da orde 24-25 para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, beneficiáronse concellos das Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas como Paderne, Bergondo, Carral, Arteixo, Oleiros, Miño e Oza-Cesuras por un importe total de máis de 165.000 euros, para actuacións de conservación e valorización do seu patrimonio natural e cultural de zonas rurais.

Nova orde 2026

Aproveitando a visita a delegada informou de que concellos, entidades e particulares contan neste 2026 con axudas da Xunta para a preservación e mellora do patrimonio natural e cultural nos espazos protexidos da Comunidade, cun orzamento de 1.870.000 euros.

Belén do Campo lembrou que, co obxectivo de simplificar e facilitar a tramitación destas axudas, este ano unificáronse os apoios nunha única orde que inclúe actuacións en espazos dos seis parques naturais galegos, de reservas de biosfera e Rede Natura 2000. Neste senso, explicou que o fin último destas achegas é preservar a biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais existentes na contorna.

Cómpre indicar que esta orde de axudas conta cunha liña concreta destinada a financiar actuacións en reservas de biosfera de Galicia e ten como posibles beneficiarios administracións públicas e entidades asociativas que sexan órganos de xestión destes espazos naturais protexidos. Na visita confirmou que a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas solicitou, este ano, un apoio para un proxecto en beneficio deste espazo natural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2026