Máis de 6.500 alumnos de Bacharelato realizan as probas de competencia dixital
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, supervisa o desenvolvemento das mesmas no Instituto Eduardo Pondal de Santiago
Desde o curso 2023/24 máis de 55.000 estudantes de ESO e Bacharelato acreditaron as súas competencias dixitais
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, supervisou hoxe no Instituto Eduardo Pondal de Santiago de Compostela o desenvolvemento das probas de competencia dixital dirixidas ao alumnado de Bacharelato. Ao longo desta semana, máis de 6.500 estudantes de 2º de Bacharelato realizan nos seus centros educativos estes exames impulsados pola Xunta de Galicia co obxectivo de acreditar o seu nivel de coñecemento e habilidades no ámbito dixital.
Durante a súa visita ao centro compostelán, Judith Fernández destacou a importancia desta iniciativa para preparar a mocidade ante os retos da sociedade actual. “Estas probas permiten que o alumnado certifique oficialmente as súas competencias dixitais, unha ferramenta cada vez máis necesaria tanto no ámbito académico como no profesional”, sinalou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Galicia foi pioneira na implantación deste sistema de certificación no ensino, tanto para o profesorado como para o alumnado, en consonancia co marco europeo de competencias dixitais. Desde a súa posta en marcha no curso 2023/24, máis de 55.000 estudantes de ESO e Bacharelato xa demostraron e acreditaron as súas destrezas neste eido. “Queremos que rematen as distintas etapas educativas cunha preparación sólida tamén no ámbito tecnolóxico, que lles permita desenvolverse con garantías nun mundo cada vez máis dixital”, afirmou.
A iniciativa enmárcase na Estratexia EduDixital 2030, que promove en Galicia un modelo de aprendizaxe híbrido no que o ámbito dixital e o analóxico conviven e se complementan. Deste xeito, contribúese tamén ao obxectivo fixado pola Unión Europea de que, no ano 2030, polo menos o 80% da poboación conte con competencias dixitais básicas.
O alumnado de 2º de Bacharelato que supera estas probas obtén a acreditación correspondente ao nivel B2 parcial, o mínimo establecido polos currículos educativos. Esta certificación avalía cinco áreas fundamentais: a procura e xestión da información e dos datos, a comunicación e colaboración en contornos dixitais, a creación de contidos dixitais, a seguridade e a resolución de problemas. Ademais, o sistema ofrece unha proba adicional para que os estudantes que o desexen poidan demostrar un nivel superior de competencia, en función dos coñecementos e habilidades adquiridos ao longo da súa formación.