A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presidiu o acto en recoñecemento de 30 dos centros participantes nos programas MeteoEscolas e Escolas verdes

A Xunta formou sobre clima e coidado medioambiental a máis de 14.000 estudantes de Educación Primaria e Secundaria durante o curso 2024/2025

Ángeles Vázquez felicita aos escolares e docentes participantes polo seu esforzo e compromiso neste eido e subliña a importancia de implicar ás novas xeracións nos retos do quecemento global para avanzar cara a unha Galicia neutra en emisións

Lembra que o seu departamento seguirá apostando pola formación, a divulgación e a acción climática a través do programa Mocidade polo Clima e anuncia novas accións para alumnado de Infantil e Bacharelato e visitas para centros de FP e universidades

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026

Máis de 14.000 estudantes de 130 centros de Educación Primaria e de Secundaria participaron durante o curso pasado nas distintas iniciativas formativas impulsadas pola Xunta de Galicia co fin de educalos e sensibilizalos en materia de clima e coidado medioambiental.

Así o destacou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que participou no acto organizado en Santiago polo seu departamento en recoñecemento aos centros, estudantes e profesorado que se implicaron na última edición dos programas educativos MeteoEscolas e Escolas Verdes.

Ante representantes dunha trintena dos colexios participantes nestas dúas iniciativas, a responsable autonómica salientou a participación “récord” rexistrada no curso 2024/2025, o que considerou unha mostra da grande implicación da comunidade educativa galega cos retos climáticos e o coidado do planeta.

Neste sentido, Ángeles Vázquez agradeceu o esforzo realizado por aprender a través da ciencia e de pequenas accións ecolóxicas desenvolvidas nos seus propios centros escolares e animou a todos os presentes (alumnado e profesorado) a seguir por este camiño, subliñando a importancia de implicar ás novas xeracións na busca de solucións fronte ao quecemento global e para poder avanzar cara a unha Galicia neutra en emisións no horizonte do ano 2040, compromiso asumido a través da nova Lei do clima.

Por iso, insistiu en que o seu departamento seguirá apostando pola formación, a divulgación e a acción climática con medidas especificamente deseñadas para este sector da sociedade. Cómpre lembrar que tanto MeteoEscolas como Escolas verdes se enmarcan no programa Mocidade polo Clima, que naceu a finais do ano 2024 coa previsión de formar, informar e mobilizar fronte ao cambio climático cada ano a miles galegos de entre 3 e 35 anos a través de diversas liñas de acción e actuacións novidosas coas que se busca fomentar o seu talento, capacidade de innovación e solidariedade.

Na práctica, estase a desenvolver como unha estratexia integral dividida en tres eixos de actuación complementarios: formación desde a etapa de educación infantil ata a universitaria; información e divulgación canalizada vía visitas con relatores de referencia na materia e iniciativas itinerantes nalgúns dos principais eventos musicais que se celebran en Galicia (Van polo clima); e acción climática, a través do fomento da participación activa e do compromiso da mocidade con charlas e actividades en campamentos de verán para nenas e nenos e en campos de voluntariado.

En total e tendo en conta todas as accións desenvolvidas ata o momento baixo o paraugas de Mocidade polo Clima, xa son máis de 23.700 as persoas que se beneficiaron deste programa desde a súa posta en marcha, en novembro de 2024.

O programa ten continuidade tamén este ano, con propostas e actividades novas e contidos que se verán reforzados a partir da experiencia acumulada. De feito, no eido formativo a conselleira avanzou que este curso se puxeron xa en marcha como novidade os Contos polo clima, dirixidos ao alumnado máis pequeno co fin de familiarizalo desde a etapa de Educación infantil con conceptos básicos sobre o coidado do planeta; e tamén os Retos climáticos, un programa pioneiro para estudantes de Secundaria e Bacharelato que xa están a traballar nos primeiros proxectos de adaptación de espazos públicos nas súas vilas e cidades aos efectos das vagas de calor ligadas ao quecemento global.

Entre as novidades, tamén explicou que no apartado de divulgación a segunda edición do programa Inspiradores polo clima ampliaranse este ano a centros de Formación Profesional (FP) e ás universidades coa incorporación de visitas a empresas da Alianza galega polo clima para facilitar que o seu alumnado poida coñecer de primeira man algúns dos proxectos de innovación en materia climática que están a desenvolver.

Ademais e despois de percorrer o pasado verán algúns dos eventos musicais máis importantes de Galicia, a Van polo clima da Xunta achegarase tamén este curso a centros escolares para organizar cos alumnos distintos obradoiros espcíficos de formación en materia climática, enmarcados dentro do programa Escolas Verdes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2026