María José Gómez destaca no Parlamento as medidas de defensa do sector primario ante o acordo UE-Mercosur
A conselleira do Medio Rural respondeu hoxe unha pregunta sobre este tratado comercial, na que debullou o paquete de medidas posto en marcha pola Xunta
No ámbito das peticións ao Ministerio e á UE, todas elas están xa formalizadas a través de cartas ao Ministerio e foron abordadas na xuntanza mantida entre o presidente da Xunta e o comisario de Agricultura e Alimentación en Bruxelas
Dentro das accións propias da Consellería, Gómez mencionou a posta en marcha do Observatorio de Prezos de Galicia e o Plan de control sobre os produtos importados a todos os niveis, cuestións nas cales se está avanzando con axilidade
Como resposta unha interpelación sobre a remuda xeracional, destacou que o apoio á incorporación de mozos e mozas ao sector agrogandeiro e ás modernizacións das explotacións é unha liña estratéxica central do Goberno galego
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor a aposta do Goberno autonómico pola defensa do sector primario ante o tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur. Fíxoo hoxe en resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia, na que tamén debullou o paquete de medidas posto en marcha pola Consellería neste eido, con axilidade e anticipación con respecto ao Goberno central.
Este paquete de accións contemplaba unha serie de peticións ao Ministerio de Agricultura e á UE, todas elas xa formalizadas. Cómpre lembrar que se solicitou ao Goberno central e á Comisión Europea que non se puxera en marcha de xeito provisional o acordo mentres non quedasen blindadas as garantías para as persoas agricultoras e gandeiras contempladas no Regulamento de cláusulas de salvagarda, un regulamento que finalmente se aprobou o 10 de febreiro no Parlamento Europeo.
Tamén se lle pediu á UE o incremento do fondo de continxencia para crise, así como unha maior dotación de financiamento na PAC; ou o incremento dos indicativos de calidade galegos dentro das DO e IXP protexidas no marco do tratado, tendo en conta que só hai contempladas dúas e Galicia é a terceira comunidade de España con máis. Así mesmo, ao Goberno central instouse en repetidas ocasións a incrementar os controis en fronteira, do mesmo xeito que tamén se solicitou a Bruxelas, tanto en fronteira como en orixe.
Todas estas demandas foron trasladadas de xeito formal ao Ministerio por medio de carta, e a meirande parte delas abordáronse tamén na xuntanza mantida o pasado martes, 3 de marzo, entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o comisario de Agricultura e Alimentación, Christophe Hansen, que tivo lugar en Bruxelas.
Dentro das accións propias da Consellería, María José Gómez mencionou, entre outras, a posta en marcha do Observatorio de Prezos de Galicia, co fin de facer un seguimento continuo dos prezos dos diferentes produtos e detectar as alteracións máis destacables. A súa entrada en funcionamento está prevista para o segundo trimestre deste ano.
A maiores, estase avanzando tamén no Plan de control específico de Galicia sobre os produtos importados. Esta mesma semana foi constituída a comisión interdepartamental, na que tamén participan as Consellerías de Sanidade e de Emprego, Comercio e Emigración.
Fomento da remuda xeracional
Como resposta a unha interpelación sobre a remuda xeracional, destacou que o apoio á incorporación de mozos e mozas ao sector agrogandeiro e á modernizacións das explotacións forma parte dunha liña estratéxica central da Xunta de Galicia. Así, lembrou que esta mesma semana se publicou no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas con este obxectivo, dotada cun orzamento de 53 millóns de euros, a máis cuantiosa desde 2018.
Con ela preténdese favorecer a incorporación non só de novos solicitantes, senón tamén daquelas persoas que pediran a achega na anterior, correspondente ao ano 2025. Estes mozos non terán que presentar unha nova solicitude e os criterios, como poden ser os prazos dos investimentos ou a idade máxima permitida, contarán segundo a data de presentación do ano pasado, polo que se lles garanten as mesmas condicións. Trátase dunha convocatoria ampla e conxunta, coa que se dá resposta á alta demanda rexistrada na anterior, con máis de 460 solicitudes.
No período 2016-2024 estas convocatorias supuxeron un gasto público de 369 millóns de euros, que permitiron apoiar 5.869 explotacións e favorecer a incorporación de 3.161 mozos e novos activos ao agro. Así, dende 2009, a cifra de persoas novas incorporadas ascende a máis de 5.000.
Restauración hidrolóxico-forestal
En relación cunha pregunta sobre os traballos de restauración hidrolóxica e forestal levados a cabo nos terreos afectados polo incendio forestal de Pantón, María José Gómez puxo en valor o traballo realizado pola Xunta neste sentido, tanto nesta zona como noutras nas que se produciron lumes o pasado ano.
Neste sentido, puxéronse en marcha actuacións centradas na estabilización do solo, na redución da erosión e na recuperación das infraestruturas forestais danadas. Actuouse mediante a técnica de mulching e helimulching e instaláronse barreiras de biomasa.
Tamén se restauraron preto de 100 quilómetros de pistas forestais nas zonas afectadas polos incendios. Asemade, executouse un plan para retirar uns 930.000 metros cúbicos de madeira queimada. Foi un operativo dunha enorme dimensión, que acadou un valor de adxudicación de case 13,5 millóns de euros.