A Xunta aborda coa confederación de Anpas da concertada as novas axudas ás familias para o comedor escolar

Estímase que esta nova liña beneficie a preto de 20.000 alumnos de Infantil e Primaria de comedores xestionados por estes centros, as Anpas ou os concellos

Sumarase ao apoio que xa reciben os estudantes que empregan os comedores xestionados pola Consellería

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, reuníronse hoxe co presidente e o secretario da Confederación Galega de Anpas de Centros Concertados (CONGAPA), Luis Alfonso Trigo e Mario Fernández.

Entre os asuntos tratados no encontro destacan as novas axudas para o comedor escolar que a Xunta vai poñer en marcha este ano, cun orzamento de preto de 3M€, e que beneficiarán tamén ás familias con fillos en colexios concertados. Estímase que esta nova liña beneficie a preto de 20.000 alumnos de Infantil e Primaria que utilicen comedores xestionados por estes centros, polas Anpas ou polos concellos.

O acceso ás bolsas determinarase en función da renda familiar. Deste xeito, terán axudas de 150 € as familias con rendas de ata 6.000 € per capita ao ano e de 100 € as de rendas entre 6.000 e 10.000 €. A primeira convocatoria publicarase este curso 2025/26 para o tramos de rendas máis baixas (ata 6.000€ e axudas de 150 €) e o vindeiro curso 2026-27 estenderase aos fogares do segundo tramo.

Esta nova liña de axudas súmase ao apoio que xa reciben os estudantes que empregan os comedores xestionados pola Consellería, nos que os prezos públicos levan anos conxelados, con tarifas accesibles para familias e moduladas en función da renda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/03/2026