A Xunta reforza na Arxentina a aposta por estreitar os vencellos coa comunidade galega do exterior a través da música
Bos Aires (Arxentina), 12 de marzo de 2026
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto co delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, participou na clase maxistral impartida polo grupo Luar na Lubre á comunidade de agrupacións galegas de músicos en Bos Aires, no marco da súa xira internacional coincidindo co 40 aniversario da formación. A xornada, celebrada no Club Español, reuniu a numerosos membros da colectividade galega para compartir e celebrar a música e a cultura de Galicia nun dos espazos históricos da emigración na capital arxentina. Ademais, foi un estímulo especialmente para os mozos, que tiveron a oportunidade de atoparse con artistas de proxección internacional e achegarse á cultura galega de primeira man.
Durante o encontro, Miranda destacou o papel da música e da cultura como elementos fundamentais para reforzar os vínculos entre Galicia e a súa diáspora, ao tempo que agradeceu o labor das entidades da colectividade por manter viva a identidade galega no exterior.