Medio Rural insiste en blindar todas as medidas na futura PAC e todos os selos galegos de calidade diferenciada no acordo UE-Mercosur

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na conferencia Marco presupuestario, acuerdos comerciales y PAC 2026, organizada polo Banco Santander e que contou coa intervención do xornalista César Lumbreras

Gómez sinalou que a nosa comunidade avoga por unha PAC forte e ben dotada e que non rompa co modelo que leva anos funcionando, baseado en dous piares diferenciados: un que apoia as rendas e outro que axuda a desenvolver o rural

Lembrou que o presidente Rueda defendeu recentemente en Bruxelas a necesidade de asegurar os fondos e a arquitectura da PAC, así como as cláusulas de salvagarda e o reforzo de controis no caso do acordo UE-Mercosur

Vedra (A Coruña), 12 de marzo de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reiterou hoxe a defensa que vén facendo a Xunta dunha blindaxe de todas as medidas actuais na futura Política Agraria Común (PAC) e de todos os selos galegos de calidade diferenciada dentro dos indicativos protexidos no acordo entre a Unión Europea e o Mercosur. Foi durante a súa intervención na conferencia Marco presupuestario, acuerdos comerciales y PAC 2026, organizada polo Banco Santander e que contou coa participación do xornalista César Lumbreras.

Sobre este tratado comercial, a conselleira salientou que a Xunta vén traballando co máximo rigor, con axilidade e anticipándose ao Goberno central para defender o sector primario da nosa comunidade. Así, puxo en valor o amplo paquete de medidas impulsado por Medio Rural e entre elas salientou o Observatorio de Prezos de Galicia, cuxa entrada en funcionamento está prevista para o segundo trimestre deste mesmo ano.  

Neste contexto, Gómez recordou que tamén se trasladaron unha serie de demandas ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e á UE, todas elas xa formalizadas. Subliñou, entre esas peticións, o incremento dos indicativos de calidade galegos dentro das DO e IXP protexidas no marco do tratado, tendo en conta que só hai contempladas dúas galegas e Galicia é a terceira comunidade de España con máis selos. A conselleira avanzou que a Xunta tivo recentemente resposta a esta cuestión por parte do MAPA e agora agarda as aclaracións do Ministerio para proceder cos trámites necesarios co fin de que todos os indicativos da nosa comunidade queden amparados.

Galicia ten moito que dicir sobre a futura PAC

En relación coa futura Política Agraria Común, Gómez, que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, afirmou que Galicia ten moito que dicir no debate aberto nestes intres. Cómpre lembrar que é a principal rexión láctea de España e unha das máis importantes de Europa e ademais conta cun sector cárnico forte, un viño recoñecido en todo o mundo e unha agricultura que segue medrando, tal e como remarcou a conselleira. Engadiu que neste momento “toca estar atentos, seguir negociando e seguir traballando a prol do noso”, polo que reiterou o compromiso da Xunta de continuar defendendo os intereses do campo galego “con seriedade e firmeza”.

Neste contexto, a conselleira indicou que a postura de Galicia é defender unha PAC forte e ben dotada e que “non rompa co modelo que leva anos funcionando”, baseado en dous piares diferenciados: un que apoia directamente as rendas e outro que axuda a desenvolver o rural. Precisamente son estes fondos de desenvolvemento rural os que están en perigo coa proposta da UE, dado que moitas das medidas agora contempladas pasarán a un fondo común para os estados membros. Nesta liña, Galicia tamén avoga porque os recursos da PAC sigan xestionándose de forma descentralizada e que se teñan en conta as particularidades e a realidade galega.

Defensa da postura galega en Bruxelas

Esta postura, así como as diferentes demandas diante do acordo co Mercosur, foi trasladada días atrás en Bruxelas polo propio presidente Rueda, na súa reunión co comisario europeo de Agricultura, Christophe Hansen. Esta xuntanza tivo como  principal obxectivo explicar a posición de Galicia sobre ambos asuntos, coas contribucións das organizacións profesionais agrarias. O mandatario galego defendeu, asemade, a necesidade de blindar os fondos e a arquitectura actual da PAC, así como as cláusulas de salvagarda e o reforzo dos controis no caso do acordo UE-Mercosur.

Neste sentido, Gomez advertiu, así mesmo, que as explotacións galegas son profesionais, competitivas e rendibles. De feito, engadiu, “Galicia é a rexión española na que máis medra a actividade agrogandeira”. A maiores, a titular de Medio Rural puxo de relevo que “detrás da PAC non hai só cifras ou regulamentos; hai explotacións, familias e persoas que levan toda a vida traballando e coidando a terra”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2026