A Xunta mostra en Dodro as boas prácticas educativas a un grupo de docentes da Comunidade de Madrid

Dodro (A Coruña), 12 de marzo de 2026

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participou hoxe nunha xornada do programa Observa_Acción celebrada no Colexio Rural Agrupado de Dodro-Padrón, na que un grupo de docentes da Comunidade de Madrid tivo a oportunidade de coñecer o funcionamento do sistema educativo galego. Durante a visita, os profesores puideron comprobar como este centro desenvolve o seu modelo educativo de ensino inclusivo e de calidade, sustentado no traballo por proxectos. Este enfoque fomenta a colaboración entre escola e familias, ao tempo que impulsa o uso das novas tecnoloxías, o plurilingüismo e a conexión do alumnado coa contorna.

O programa Observa_Acción, impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, promove a aprendizaxe compartida entre docentes a través do intercambio de experiencias. Este modelo permite coñecer novas estratexias de ensino, enfoques pedagóxicos innovadores e diferentes formas de xestión da aula, co obxectivo de implementar melloras e impulsar a innovación nos centros. Esta iniciativa enmárcase en Galemundo, o programa de internacionalización do ensino da Xunta de Galicia. Grazas a esta iniciativa, máis de 8.300 estudantes e docentes realizan estadías en distintos países ao longo deste curso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2026