A Comisión Galega de Control da Violencia impón sancións por dous casos de comportamentos violentos

Un dos casos supuxo unha sanción por unha infracción grave de 3.000 euros e prohibición de acceder ao recinto deportivo en seis meses e outra leve con multa de 600 euros e restrición de acceso durante dous meses

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, presidiu a reunión do organismo, na que tamén se abriu novo procedemento sancionador pola comisión dunha infracción no marco dun campionato de kaiak cross por parte de persoas do público asistente contra un participante menor de idade

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, vén de presidir unha nova xuntanza da Comisión Galega de Control da Violencia na que se resolveron dous expedientes en curso.

Por estes dous expedientes impuxéronse dúas sancións por comportamentos violentos, unha delas debido a unha infracción grave con sanción de 3.000 euros e prohibición de acceder a calquera recinto deportivo en seis meses por increpar un espectador ao árbitro, menor de idade, nun partido de fútbol. Noutro caso, trátase dunha infracción de carácter leve con multa de 600 euros e prohibición de acceso a calquera recinto deportivo durante dous meses debido a recriminar un asistente a un xogador noutro partido de fútbol.

Ademais, a Comisión decidiu abrir un novo expediente cun novo procedemento sancionador pola comisión dunha infracción no marco dun campionato de kaiak cross por parte de persoas do público asistente contra un participante menor de idade.

O secretario xeral para o Deporte destacou a responsabilidade deste organismo na salvagarda dos valores esenciais do deporte e uniu este deber cos dos clubs, entidades deportivas e federacións, así como ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos tal e como marca a Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia.

Data de actualización: 13/03/2026