Belén do Campo lembra que aínda se poden solicitar as axudas do programa EBici para mercar bicicletas eléctricas

A delegada da Xunta lembrou que o prazo está aberto ata o 13 de novembro do 2026 ou ata que se esgote o crédito

As empresas interesadas en colaborar poderán seguir adheríndose a EBici ata finais de agosto do 2026

A orde estará dotada con 1,7M€ e financia a compra de bicicletas novas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas

Ordes (A Coruña), 16 de marzo de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, lembrou hoxe que continúa aberto o prazo para solicitar as axudas do programa EBici para a compra de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido ou bicicletas de man híbridas ou eléctricas adaptadas para cadeiras de rodas. Durante unha visita ao establecemento Ciclos Ordes, acompañada polo alcalde de Ordes,  José Luis Martínez, a representante autonómica animou á cidadanía a aproveitar estas achegas, que poden solicitarse ata o 13 de novembro ou ata que se esgote o crédito dispoñible nos establecementos adheridos ao programa. Neste sentido, explicou que son os propios negocios participantes os encargados de tramitar a solicitude da subvención no momento da compra.

Belén do Campo destacou que esta convocatoria conta cun orzamento total de 1,7 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades: un millón de euros en 2025 e 700.000 euros en 2026, dos cales quedan aínda pendente de gasto máis de 316.000 euros, para que máis persoas poidan beneficiarse destas axudas. A delegada puxo en valor esta iniciativa, que ademais de favorecer a mobilidade sostible, contribúe a dinamizar o comercio local e a impulsar a actividade económica dos pequenos establecementos.

En canto ás contías das subvencións, en concorrencia non competitiva, explicou son con carácter xeral o 50 % do custo da bicicleta cun máximo de 500 euros. No caso das familias numerosas, a axuda pode chegar ao 60 % cun límite de 600 euros, mentres que para familias numerosas de categoría especial ou persoas con mobilidade reducida a subvención alcanza o 70 % do custo, cun máximo de 700 euros para bicicletas ou dispositivos adaptados para cadeiras de rodas.

A delegada tamén indicou que a relación de establecementos adheridos pode consultarse na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://ebici.xunta.gal), onde se vai actualizando a medida que se incorporan novos negocios. Na provincia da Coruña hai actualmente 54 establecementos asociados, e Belén do Campo animou a outros comercios a sumarse ao programa.

O programa EBici forma parte da aposta da Xunta por promover unha mobilidade máis sostible e saudable, incentivando o uso da bicicleta especialmente nas contornas urbanas, onde se concentra a maior parte da poboación. Con este tipo de medidas, o Goberno galego busca reducir o uso do vehículo particular nos desprazamentos cotiáns, contribuíndo a desconxestionar os centros urbanos e a diminuír a contaminación ambiental e acústica.

Desde a posta en marcha desta iniciativa en 2022 e ata o peche da última convocatoria en novembro de 2024, a Xunta destinou preto de 2,7 millóns de euros a este programa, mobilizando arredor de 8 millóns de euros en investimento total. Con esta nova convocatoria, os fondos destinados superarán os 4,4 millóns de euros. O éxito da iniciativa reflíctese tamén nas 167 entidades colaboradoras e nas máis de 5.300 persoas beneficiarias das axudas, das cales 1.582 pertencen á provincia da Coruña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2026