Galicia liderará un val especializado en cuántica con nove países e 14,3 M€, co apoio da Comisión Europea
Rueda salienta que “Galicia está a posicionarse como referente europeo” nesta materia
A Xunta de Galicia logra un novo proxecto en materia de I+G+i, do que ata agora só existían cinco en toda Europa, e encargarase de coordinar unha vintena de socios
Desenvolverase durante catro anos, nos cales as rexións implicadas compartirán capacidades e convocarán liñas para apoiar startups, pemes e centros de innovación
O obxectivo é contribuír á soberanía tecnolóxica de Europa, acelerar a transformación de coñecemento ao mercado e mellorar a formación de profesionais de alto nivel
Galicia contará con 3 M€ para “apoiar a pemes e centros de coñecemento no desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas” e lanzar axudas para probar estas ferramentas “en contornas reais”
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que “Galicia vai liderar un val especializado en tecnoloxía cuántica no que participarán nove países europeos” e que contará cun investimento de 14,3 millóns de euros. O titular do Goberno autonómico lembrou que a comunidade “está a posicionarse como referente europeo” neste eido e asegurou que o feito de que Galicia lidere un proxecto “nunha materia con tanto futuro é un reflexo da boa saúde da I+G+i galega”.
A Comisión Europea acaba de conceder un novo proxecto de cuántica polo que a nosa Comunidade vai liderar un val de innovación, é dicir, unha iniciativa de colaboración entre rexións que destacan pola súa capacidade neste ámbito e que, grazas a este val, van conectalas para facer novos desenvolvementos e incrementar a soberanía da Unión Europea.
A iniciativa céntrase en conectar ecosistemas rexionais de innovación en Europa a través da cooperación entre rexións líderes e emerxentes, aproveitando as fortalezas das primeiras para impulsar a innovación en áreas estratéxicas, especialmente en tecnoloxías avanzadas, e reforzar a transferencia de coñecemento ao mercado.
A Xunta de Galicia decidiu optar a esta convocatoria, denominada Ecosistemas Europeos de Innovación, consciente das fortalezas nun eido emerxente en que a nosa Comunidade se está situando con forza no panorama internacional. O resultado é esta resolución favorable malia que ata agora só existían cinco vales de innovación en toda a UE.
O proxecto, coordinado desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, leva por nome EQUIVALEMT (European Quantum Innovation Valleys as Strategic Emerging Technology) e terá unha duración de algo máis de catro anos, en concreto de 50 meses. A Comisión Europa achegará o 50 % do financiamento necesario, mentres que as rexións implicadas completarán a outra metade. En total, o val de innovación cuántico estará formado por 19 socios de nove países: España (representado en exclusiva por Galicia), Italia, Portugal, Países Baixos, Finlandia, Francia, Reino Unido, Francia e Romanía.
Ámbito clave para o futuro
O obxectivo é que o val rexional de innovación liderado por Galicia contribúa á soberanía tecnolóxica de Europa, fortalecendo a posición comunitaria nun ámbito clave para o futuro. Neste sentido, búscase acelerar a transferencia de coñecemento ao mercado e á sociedade, impulsar o crecemento de empresas de base científico-tecnolóxica e mellorar a formación do capital humano, facilitando que haxa profesionais cualificados.
Os vales de innovación cuántica funcionan como espazos de colaboración en que as administracións públicas, os centros de investigación e empresas, entre outros axentes, traballan para compartir coñecemento e infraestruturas, desenvolver cadeas de valor, impulsar talento e capacidades tecnolóxicas, e crear diversas solucións innovadoras.
Probar tecnoloxías en contornas reais
Rueda explicou que, no caso de Galicia, este proxecto implicará “un investimento de 3 millóns de euros”, que permitirá apoiar proxectos de startups, pemes e centros de coñecemento a través de convocatorias competitivas abertas “para desenvolver tecnolóxicas cuánticas”. En concreto, está previsto o lanzamento de tres liñas de axudas “que permitirán probar tecnoloxías en contornas reais” e acelerar deste xeito a súa adopción na industria.
Ademais destas liñas de axudas, prevense actuacións encamiñadas a desenvolver o ecosistema cuántico europeo a través de tarefas de avaliación e análises, da cooperación entre rexións, da formación e o desenvolvemento de talento, apoio a startups e cadeas de valor tecnolóxicas e a elaboración de recomendacións de política pública.
Os 19 socios que integran o Consorcio do Val de Innovación Cuántica son axencias rexionais, centros de investigación, universidades, clústeres industriais e empresas tecnolóxicas. En concreto, conforman o grupo a Xunta de Galicia (entidade líder), a través da Axencia Galega de Innovación, e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), en representación de España; por Italia, a Regione Emilia-Romagna, o Clust-ER Innovazione nei Servizi, Politecnico di Milano e Orthokey Italia; por Portugal, a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N) e o International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL); por Finlandia, o TU Delft; dos Países Baixos, a Business Tampere e a Tampere University; de Francia, a Région Île-de-France, o CEA (Commissariat à l’énergie atomique), Teratec e Systematic Paris Region; polo Reino Unido, o Welsh Government; por Romanía, a Regional Development Agency West Romania (ADR) e a Euro Atlantic Diplomacy Society, e de Austria, o DCS Computing.
Impulso a un eido estratéxico
Galicia está a emerxer nos últimos anos como un referente das tecnoloxías cuánticas en Europa grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia, as universidades, os centros da I+D+i, as empresas.
De feito, o Executivo autonómico establéceo no Plan galego de investigación e innovación 25-27 como un ámbito prioritario debido ao seu potencial para impulsar unha transformación e impacto profundos na economía e na sociedade galega.
Entre as actuacións promovidas neste eido destaca a instalación no Cesga do primeiro computador cuántico de España en 2023, o QMIO, cuxa capacidade se incrementará proximamente coa incorporación dun novo ordenador nas novas instalacións do Cesga, un proxecto que se desenvolve grazas á consecución de fondos comunitarios, igual que a futura fábrica europea de intelixencia artificial que operará neste mesmo espazo.
Ademais, Galicia puxo en funcionamento o pasado ano a liña de comunicación cuántica máis longa de España, que une Santiago de Compostela e Vigo, desde o Cesga ata o Quantum Communication Centre (VQCC), un centro da Universidade de Vigo. Así mesmo, recentemente, o Consello aprobou a creación de dous laboratorios compartidos entre o Cesga e o VQCC, e o Cesga e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), un centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia.