A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da empresa Papelera de Brandía

Lorenzana avanza que a Xunta trasladará ao Goberno os puntos críticos que se detecten na mesa de apoio loxístico ás empresas que operan en oriente medio

Avoga pola prudencia e por agardar a que se coñezan as medidas que o Goberno vai aprobar no Consello de Ministros extraordinario do vindeiro venres

Informa de que estes días mantivo contactos co secretario de Estado de Industria, Jordi García, a quen agradeceu que teña “a mellor das disposicións” para colaborar

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta vai trasladar ao Goberno os puntos críticos que se detecten na mesa de apoio loxístico activada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facer seguimento das empresas galegas que operan en Oriente Medio.

Nunha visita ás instalacións da empresa Papelera de Brandía, en Santiago de Compostela, Lorenzana avogou pola prudencia e por agardar a que se coñezan as medidas que o Goberno vai aprobar no Consello de Ministros extraordinario do vindeiro venres.

Ao respecto, a conselleira informou de que estes días mantivo contactos co secretario de Estado de Industria, Jordi García, a quen agradeceu que teña “a mellor das disposicións” para colaborar en “paliar algo que de momento é conxuntural pero que xa está afectando moito desde o punto de vista dos custos loxísticos ou enerxéticos”.

“No que quedamos é en que, tras ver o que se aprobe no Consello de Ministros, se hai algún punto crítico dalgún sector produtivo ou dalgunha empresa en Galicia trasladarémolo”, dixo. Avanzou, así, que a finais desta mesma semana estarán os datos que se solicitaron na mesa de apoio loxístico convocada o pasado 10 de marzo, desde onde se están a monitorizar todos os sectores afectados en Galicia para coñecer de primeira man o efecto do conflito en Oriente medio na súa actividade exportadora.

Con todo, Lorenzana subliñou que as medidas de apoio teñen que adoptarse a nivel nacional porque “non é un tema de ningunha comunidade autónoma” senón de España e do bloque comercial europeo.

Papelera de Brandía

Con respecto á visita a Papelera de Brandía, a conselleira salientou que se trata dunha empresa familiar das máis lonxevas de Galicia que traballa con recursos naturais, que incorpora moita tecnoloxía e innovación nos seus procesos e que está moi internacionalizada porque exporta a países de todo o mundo.

É unha empresa, dixo, que encarna os obxectivos que a Xunta persegue coa Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 aprobada a finais do pasado ano e coa  Estratexia de Internacionalización, fundamentais, dixo nun contexto xeopolítico tan complicado onde tamén salientou que a política industrial debe ir ligada á enerxética.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2026