Medio Rural apela á responsabilidade da industria láctea e censura as reducións pronunciadas nos prezos ofrecidos aos produtores
A conselleira María José Gómez reuniuse hoxe con representantes das principais industrias con presenza en Galicia para avaliar a situación deste eido produtivo, tendo en conta o actual escenario de renovación dos contratos de compra-venda de leite e o aumento dos custos de produción polo conflito en Oriente Medio
Este encontro forma parte da rolda de contactos que Medio Rural está a manter cos axentes sectoriais, empezando por Unións Agrarias, seguindo coa industria e continuando nos vindeiros días cunha xuntanza coa distribución
Gómez lembrou que a Xunta está reforzando os controis tanto sobre a sinatura dos novos contratos como ante o contexto de entrada en España de excedentes de leite doutros países da UE a baixo prezo
Reiterou o chamamento ao Goberno central para que reduza impostos na enerxía e en particular no gasóleo agrícola e para que realice tamén unha inspección exhaustiva dos contratos do leite, co fin de facer cumprir a lei da cadea alimentaria
A titular da Consellería solicitou xa unha reunión urxente co ministro Planas para tratar estes asuntos, así como outros de relevancia para o sector primario
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026
A Xunta apela á responsabilidade da industria láctea para garantir a sustentabilidade do sector e censura as reducións tan pronunciadas nos prezos ofrecidos aos gandeiros, posto que “non están xustificadas” baixadas deste tipo. Esta demanda enmárcase no proceso de renovación de contratos aberto actualmente entre industria e produtores e tendo en conta, tamén, o contexto de aumento dos custos de produción derivado do conflito en Oriente Medio.
Esta mensaxe a prol da cooperación e o entendemento entre os axentes da cadea de valor do leite foi trasladada esta mañá pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, aos representantes das principais industrias lácteas con presenza en Galicia, nunha xuntanza na que estivo acompañada polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.
Na reunión abordouse a situación actual deste eido produtivo, centrada na sinatura dos novos contratos de compra-venda de leite. Neste sentido, a conselleira lembrou que o Goberno galego xa está reforzando os controis nesta materia, así como ante a entrada en España de excedentes de leite doutros países da Unión Europea a baixo prezo.
Actuación e reunión urxente co Ministerio
Así mesmo, a conselleira explicou que se están planificando tamén novas accións para verificar a trazabilidade do leite e detectar así posibles incumprimentos no etiquetado sobre a orixe e reiterou que se lle reclaman ao Goberno central varias cuestións urxentes no escenario actual.
En primeiro lugar, que faga, por medio da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), unha inspección exhaustiva dos contratos do leite ante a súa renovación, para facer cumprir así a lei da cadea alimentaria e, así mesmo, que active a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) para avaliar unha posible competencia desleal dos excedentes que entran a España doutros estados membro da UE. En segundo termo, que reduza impostos na enerxía e en particular no gasóleo agrícola para paliar o incremento de custos de produción causado polo conflito bélico en Oriente Medio.
Cómpre destacar que a titular da Consellería ten solicitado xa unha reunión urxente co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para tratar estes asuntos, así como outros de interese para o sector primario galego, como é o caso da situación da dermatose nodular contaxiosa (DNC).
Este encontro de hoxe forma parte da rolda de contactos que están a manter a conselleira e outros responsables de Medio Rural cos axentes sectoriais, empezando polos representantes dos gandeiros (a través dunha reunión mantida o pasado sábado con Unións Agrarias), seguindo -esta mañá- coa industria e continuando nos vindeiros días cunha xuntanza coa distribución.