A positividade do virus respiratorio sincitial en Galicia descende ata o 5,4 %
Na última semana rexistráronse 14 ingresos de persoas maiores de 60 anos, das cales 9 teñen máis de 80
A cobertura vacinal en bebés nados durante a campaña desde setembro é do 93 %
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026
A taxa de positividade do virus respiratorio sincitial segue a diminuír e sitúase no 5,4 % na semana 11 do ano, que rematou o día 15 deste mes, tal e como recolle o informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade.
En canto ás hospitalizacións, rexistrouse un ingreso no grupo de nados entre abril e setembro de 2025 e non se rexistrou ningunha hospitalización nos lactantes menores de dous meses.
Nestes grupos, a cobertura da inmunización fronte ao VRS é do 93,2 % no caso dos bebés que son vacinados nos hospitais galegos ao nacer dentro das datas da campaña e do 95,4 % para os nados fóra de campaña, de abril a setembro de 2025.
Sobre ingresos de nenos que xa pasaron algunha tempada de VRS, tampouco se rexistraron hospitalizacións.
En adultos, nos datos recollidos no último informe producíronse 14 ingresos con VRS en persoas maiores de 60 anos, dos cales 9 son maiores de 80.
Na semana recollida no informe, observouse un aumento da taxa de consultas de atención primaria por bronquiolite en todos os grupos de menores de dous anos.