Román Rodríguez inaugura en Pontevedra a escultura de San Xosé realizada polo alumnado do CIFP Cantería de Galicia

A peza, elaborada en granito do país e cun peso superior aos 4.000 quilos, foi cedida á parroquia de Campolongo en Pontevedra

Pontevedra, 19 de marzo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da escultura de San Xosé situada precisamente no exterior da parroquia homónima de Campolongo. A obra, realizada en granito do país e cun peso superior aos 4.000 quilos, foi elaborada por alumnado das antigas ensinanzas da Escola de Canteiros en colaboración co estudantado dos actuais ciclos formativos logo da súa conversión nun centro integrado de Formación Profesional. Estréase coincidindo coa festividade do 19 de marzo.

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, puxo en valor o papel do centro na conservación e impulso dos oficios tradicionais, e sinalou que “é un referente na dignificación deste labor, ao tempo que contribúe a preservar unha parte esencial do noso patrimonio cultural”. Nesta liña, engadiu que a cantería “forma parte da identidade de Galicia e da súa historia construtiva e centros como este garanten que ese saber facer se manteña vivo e adaptado aos novos tempos”.

O representante da Xunta destacou tamén que a formación impartida está aliñada coas necesidades do tecido produtivo, favorecendo a inserción laboral do alumnado. “Falamos dun modelo formativo que combina tradición e innovación, preparado para dar resposta ás demandas actuais do mercado laboral”, afirmou.

O centro oferta no curso 2025/2026 cinco titulacións, nas que están matriculados 70 alumnos. En concreto, impártense o ciclo básico en Reforma e mantemento de edificios, o ciclo medio de Pedra natural e o superior de Proxectos de edificación, así como a FP Dual nas especialidades de Construción e de Proxectos de edificación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/03/2026